Alerta polo aumento de emerxencias con caiacs e táboas de paddle surf
Alerta polo aumento de emerxencias con caiacs e táboas de paddle surf
A afluencia de visitantes e embarcacións multiplica as incidencias na ría de Aldán
En Cangas atenderon xa 63 emerxencias
A imprudencia dos usuarios disparou as asistencias dos servizos de emerxencias
A costa galega encheuse este verán de táboas de paddel surf, caiacs e todo tipo de aparellos acuáticos. O problema é que a imprudencia de moitos fixo que se multiplicaran as intervencións dos efectivos de emerxencias.
Poucos saben que non se poden usar dentro das zonas con balizas e que hai que entrar e saír polas canles sinalizadas. Tamén descoñecen que o Servizo de Gardacostas de Galicia aprobou unhas taxas para que os que cometan imprudencias que fagan intervir os efectivos de emerxencias paguen por iso.
Nos últimos anos a ría de Aldán é o paraíso do caiac e do paddel surf. O problema é que nestas augas conviven cada vez máis bañistas, embarcacións de pesca e de recreo, e as imprudencias están a desbordar os servizos de emerxencias. En gran parte polo descoñecemento do medio mariño e os seus riscos.
Son moitos os que collen unha táboa de paddel surf ou un caiac e descoñecen cousas básicas como que hai que entrar e saír polas canles sinalizadas, e que non se poden usar dentro das zonas balizadas.
O auxe das Illas Atlánticas fai que moitos pretendan achegarse a remo, poñendo en risco o tráfico de mercadorías do Porto de Vigo. Imprudencias que non teñen en conta o perigo dos ventos e das correntes mariñas.
Imprudencias tamén por parte dos bañistas que nadan fóra das áreas balizadas sen elementos de sinalización. Só en Cangas este verán os servizos de salvamento tiveron que facer 63 rescates por terra, mar e aire por diversas incidencias e imprudencias de usuarios de caiacs, táboas ou inchables.