Alerta polos elevados niveis de toxicidade nas rías de Vigo, Pontevedra e Muros-Noia
Alerta polos elevados niveis de toxicidade nas rías de Vigo, Pontevedra e Muros-Noia
Hai 33 zonas pechadas para a extracción do mexillón e ao marisqueo
O sector marisqueiro e bateeiro das rías de Muros-Noia, Pontevedra e Vigo está en alerta por un episodio tóxico con niveis poucas veces vistos. Hai 33 zonas pechadas porque o consumo deses bivalvos podería ter consecuencias moi graves.
As responsables son as células da toxina paralizante, a PSP, que están alcanzando niveis poucas veces vistos e que obrigaron a pechar polígonos bateeiros e bancos marisqueiros.
Tamén se detectou un aumento importante das toxinas lipofílicas, como a diarreica, a DSP, que obrigaron a pechar outras zonas de marisqueo ou polígonos mexilloeiros. 33 en total. Na ría de Muros-Noia autorizouse a extracción de navalla por presentar niveis óptimos.
Os expertos advirten dos riscos letais que pode ter o consumo de produtos procedentes do furtivismo de zonas onde haxa estes elevados niveis de toxicidade polo que fan unha chamada á prudencia.
O Intecmar fai varias mostraxes semanais. Os resultados destes días determinarán se o episodio tóxico alcanzou xa o pico máis alto e se empeza a baixar. Nalgunhas zonas pode demorar semanas ou meses en desaparecer a toxina ou alcanzar niveis normais.