Publicador de contidos
Publicador de contidos

Rueda condena as protestas de Ferraz en que mallaron nun boneco de Sánchez

Rueda condena as protestas de Ferraz en que mallaron nun boneco de Sánchez

Besteiro reclama a Rueda que sexa "duro, drástico e cortante" na súa condena ás protestas

O PSOE estuda denunciar os feitos por presunto delito de odio

Israel Merino (@israelmerino_) Israel Merino (@israelmerino_)
G24.gal 02/01/2024 12:12 Última actualización 02/01/2024 13:13

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG nas próximas eleccións galegas, Alfonso Rueda, lamentou as protestas da pasada Noitevella fronte á sede socialista na rúa Ferraz, onde un grupo de persoas mallaron nun boneco co rostro do presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Nunha entrevista en RNE, recollida por Efe, Rueda sinalou que esas imaxes non lle gustaron e que "non deberían producirse en ningún caso".

Seguidamente, apelou á tranquilidade, á moderación e á "non crispación" por "todas as partes", xa que, segundo opina, Sánchez tamén provoca crispación ao falar de "levantar muros entre españois".

"O que pido é a mesma contundencia cando se producen feitos dun lado ou doutro. Eu contundentemente digo que iso non está ben, esas actitudes non deben producirse", afirmou.

O popular pediu que cando se produzan feitos similares que lles afecten a eles, "aínda que sexa con menor intensidade ou con menor repercusión", tamén se condenen porque asegura que "moitas veces non existe a mesma contundencia".

Besteiro reclama a Rueda que sexa "duro, drástico e cortante" na súa condena ás protestas

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, reclamou este martes que o titular autonómico e candidato do PPdeG, Alfonso Rueda, sexa "duro, drástico e cortante" na súa condena ás protestas de Ferraz, pois cre que ata o de agora foi "morno".

Nun acto na Coruña, Gómez Besteiro sostivo que "aquí non se pode ser morno" nin pensar que a culpa é da vítima. "Hai que ser duro, drástico e cortante", demandou o candidato do PSdeG, que cre que o PP xa amparou comportamentos "sen ningún tipo de xustificación" cando empezaron as diferentes protestas en sede socialistas. "Quen defende ou miran para outro lado son tan responsables destes feitos", concluíu Gómez Besteiro.

O PSOE estuda denunciar os feitos por presunto delito de odio

O PSOE vai denunciar os responsables dos actos da pasada Noitevella diante da sede de Ferraz porque considera que pode haber un presunto delito de odio. A policía xa citou o convocador da protesta. 

O portavoz do PSOE no Congreso, Patxi López, pediu este martes ao PP que sexa "moi claro e contundente" no seu rexeitamento ás protestas violentas, como a da pasada Noitevella perante a sede de Ferraz, e que abandone os discursos que "alimentan" esas accións.

Para o dirixente socialista, o ocorrido é "un acto de violencia cargado de odio" que hai que atallar e parar xa, porque, pola contra, "que será o seguinte?", preguntouse, en declaracións a Cadena Ser recollidas por EFE.

Tras recalcar que ese feito entra dentro do que se pode considerar un "delito de odio" -de feito os socialistas están a pensar en levalo á Fiscalía-, incidiu en que hai discursos políticos que alimentan iso e que hai que atallalos de raíz.

Citou, entre outros, que se chame ao presidente do Goberno "traidor", "ditador" ou que se diga que Sánchez "está a acabar coa democracia e o Estado de dereito", ademais de que goberna "con terroristas". Ante esas palabras, "haberá xente que reaccione dicindo... 'a por eles'", apostilou.

Para acabar con esta situación, o dirixente socialista ten claro que hai dúas vías: levar aos tribunais os culpables desa acción e "frear a hipérbole permanente no discurso político" que "alentan eses comportamentos na rúa".

Sobre as accións que levarán a cabo, comentou que o gabinete xurídico está a estudalo, porque, aínda que están convencidos de que os feitos son constitutivos dun delito de odio, recoñeceu que hai unha liña "moi fina" entre o que é liberdade de expresión ou non.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade