Alfonso Rueda vai esgotar a lexislatura: "A xente pídenos estabilidade"
Alfonso Rueda vai esgotar a lexislatura: "A xente pídenos estabilidade"
O presidente da Xunta dálle un mes ao Goberno para concretar o financiamento de Altri
Acusa o BNG de politizar a sanidade e o PSdeG de estar inmerso nunha “liorta continua”
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosa na Radio Galega a súa preocupación polo futuro de proxectos industriais en Galicia que dependen de fondos europeos de recuperación Next Generation e que se ven afectados pola xestión que fai o Goberno central destes fondos.
Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, Rueda asegura que o Goberno central “retén, dosifica e non tramita” eses fondos polo que lle reclama axilidade para poder aproveitar estes cartos.
Neste contexto, o presidente da Xunta reiterou a súa inquedanza polo proxecto de Altri en Palas de Rei e dálle un mes de prazo ao Goberno central para que concrete o financiamento para un dos proxectos que a Xunta considera tractores para a economía galega.
“É unha mostra máis de que hai unha deriva tan incomprensible na distribución que se está facendo que non pasa noutros países europeos, está pasando só en España. En vez de atender a proxectos tractores que crean moitos postos de traballo pérdense nunha burocracia que obriga os investidores -moitos deles estranxeiros e non entenden nada- a presentarse a un montón de convocatorias, a unha maraña burocrática que ninguén entende. Eu agardo tamén que nestes primeiros meses e cando falo de primeiros meses sexa xaneiro, febreiro do ano 2023 o Goberno central concrete por fin o financiamento de Altri. Leva un ano mareando a perdiz”.
Stellantis e Ence
O presidente Alfonso Rueda avisou tamén do “risco certo” de deslocalización de Stellantis se a factoría olívica non entra tampouco no segundo PERTE do automóbil que prepara o Goberno central.
Ademais considera “intolerable” que mentres a factoría de Balaídos siga pendente de saber se contará ou non con fondos, se estean asignando fondos de maneira directa a fábricas automobilísticas doutras comunidades autónomas.
O presidente da Xunta tamén amosou o seu temor polo futuro de Ence se o Supremo opta finalmente por obrigar á factoría a abandonar a ría de Pontevedra. Rueda reta ao Executivo central a que explique “en que frutificaron” os traballos realizados e os estudos de futuro para buscar alternativas a ENCE en Pontevedra.
Na listaxe de demandas ao Executivo central o presidente Rueda tamén inclúe a chegada dos trens AVRIL a Galicia para completar a alta velocidade ferroviaria. Urxe coñecer cando, como e cantos convois deste tipo chegarán á comunidade galega non sen antes criticar a diferenza de trato que habería apunta se fose outra comunidade a afectada.
“Eu supoño que isto non se atreverán a dicilo se as afectadas fosen outras comunidades autónomas. Cren que en Galicia se poden permitir este tipo de cousas e dende logo non, nós seguiremos insistindo en que cada mes que pase é un mes no que estamos utilizando trens vellos polos que, por certo, pagamos máis que os trens novos que están funcionando noutras comunidades autónomas".
Axudas e rebaixas fiscais
En materia económica, o presidente da Xunta puxo en valor as axudas e as rebaixas fiscais para axudar a empresas e familias máis vulnerables que contemplan os Orzamentos da Xunta para este ano.
No que atinxe ás achegas para autónomos, dotadas con 30 millóns de euros, o presidente Rueda abre a porta a aumentar estas axudas directas de ser preciso ao tempo que avanza que se empezarán a pagar “inmediatamente”.
Canda os apoios a familias e tecido industrial, o presidente da Xunta fixa no mantemento dos servizos públicos como outro dos seus grandes obxectivos.
Sanidade pública
En materia de sanidade, malia admitir que hai problemas, comprométese a facer “todo o que estea na man da Comunidade Autónoma” para mellorar a sanidade pública ao tempo que cuestiona a “politización” dos problemas nesta materia e o “intento de desgaste político” por parte do BNG.
Rueda exemplifica esta tese ao asegurar que o día despois de que o BNG anunciase a convocatoria dunha manifestación a prol da sanidade pública, “unha entidade supostamente apolítica a convoca.
"Esa correspondencia tan evidente e tan descarada o que amosa é que aquí hai moita politización. Hai problemas sen lugar a dúbida, non vou negalos, en absoluto. Estamos traballando para intentar solucionalos con moita intensidade, con moita dedicación e con moitos recursos económicos”.
E engade que “dende logo, aquí, todo o que estea na man da comunidade autónoma ímolo facer”.
O futuro do PSdeG
Preguntado pola situación do PSdeG e unha posible eventual volta á primeira liña política e mesmo candidatura á presidencia da Xunta do que fora secretario xeral, Xosé Ramón Gómez Besteiro, Alfonso Rueda considera que o PSdeG está inmerso nun “proceso interno de loita continua” que mesmo cualifica de “culebrón”.
De feito di que “o culebrón que montou o Partido Socialista, que o montaron eles en pleno mundial empezaron a facer comparacións con Messi e de repente sae o señor Formoso dicindo que hai un Messi que ten que saír a xogar o suposto Messi non dixo a día de hoxe esta boca é miña”.
Con todo, para Rueda, semella que nin a Valentín González Formoso -secretario xeral do PSdeG- nin a Gómez Besteiro lles apetece moito ser candidatos do PSdeG á presidencia da Xunta.
“A día de hoxe eu teño a dúbida de que o señor Formoso non lle apetece nada ser o candidato á presidencia da Xunta e parecer ser que o señor Besteiro-Messí tampouco lle apetece demasiado”
Esgotar mandato
O presidente da Xunta asegura que esgotará a lexislatura independentemente de cando sexan as eleccións xerais. Rueda defende completar mandatos para achegar “estabilidade” e “previsibilidade”. Bases coas que -entende o presidente da Xunta- o seu partido, o PPdeG, puido revalidar catro maiorías absolutas consecutivas en Galicia.
“Suponse que se un se presenta a unha campaña para gobernar unha lexislatura de catro anos os proxectos que presenta son para catro anos. Polo tanto se cortas dous anos antes está claro que non cumpriches o que tiñas que facer. E eu pretendo cumprilo. Temos un programa de catro anos. No verán quedará último de lexislatura e dende logo eu pretendo aproveitalo porque creo que hai moitas cousas que facer e porque creo que a xente nos pide estabilidade. Ao final o traballo da xestión política é iso, un traballo polo que a xente che paga e que quere que o cumpras e non esteas cortando o teu traballo cando che conveña a ti aínda que non lle conveña á xente”.
O tamén presidente do PPdeG ten como primeira proba á fronte do partido as eleccións municipais do 28 de maio. Alfonso Rueda prognostica mellora de resultados coa recuperación e mantemento de poder.
“Creo que imos ter algunha alegría importante en cidades e noutro tipo de concellos. Esta é a aspiración sen marcar agora mesmo lugares concretos. Creo que é unha sensación xeral de mellora respecto ao ano 2019, que tampouco foron uns bos resultados -hai que recoñecelo-“.
Rueda asegura que o PPdeG ten pechados os cabezas de cartel de todos os concellos e avanza que haberá algunha candidatura que vai “chamar a atención” e que “aínda está sen anunciar”.
“Temos por aí creo que candidaturas potentes e que van chamar a atención e aínda están sen anunciar”, asegura.