Alfonso Villares: "Para Galicia é fundamental conseguir máis capacidade pesqueira"
Alfonso Villares: "Para Galicia é fundamental conseguir máis capacidade pesqueira"
O conselleiro do Mar participa en Bruxelas no Consello Europeo de Pesca que fixará as cotas do ano vindeiro
Pide que o Goberno declare como zona catastrófica as rías máis afectadas pola mortaldade de marisco para "axilizar as indemnizacións e garantir que cobren todos os afectados"
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, é pesimista sobre as conversas que se manteñen no Consello de Pesca da Unión Europea para fixar as cotas do ano vindeiro, e asegura que "os acordos que se perfilan van nunha liña que non é a que máis nos gustaría".
Villares analizou este luns á mañá no Galicia por diante da Radio Galega a marcha desas negociacións, en que nalgunhas especies tamén se buscan acordos para o 2025 e 2026 para que os armadores poidan traballar con máis planificación.
Sobre a mesa está a posibilidade de aumentar as capturas de pescada ou meiga no Cantábrico, aínda que a Comisión Europea propón recortes nas de abadexo e linguado. Tamén hai preocupación pola situación do xurelo.
O conselleiro do Mar di que "imos intentar conseguir máis e estamos aquí para axudarlle ao Ministerio a achegar datos de todo o sector cando sexan precisos e informes que digan que realmente hai posibilidades nalgunhas das nosas especies de ter máis capturas".
Indica que "para Galicia é fundamental o feito de conseguir máis captura, máis capacidade de pesca, porque somos a frota máis importante de toda Europa. Polo tanto, xogamos moitísimo para o noso sector, para poder traballar máis tranquilos e traballar máis nos próximos anos".
Villares deixa entrever que Europa compite en inferioridade de condicións con outros países. "Nós debemos seguir continuamente trasladándolle á Comisión Europea que desde Europa debemos pescar moitísimo máis porque máis do 60 ou 70 % do peixe que se consome en Europa vén de fóra das pesqueiras europeas e, desde logo, non pescado de xeito sostible nin moito menos".
"Polo tanto, nós estamos a facer unha xestión sostible dos nosos mares desde Europa e iso paréceme moi ben e moi correcto, pero o que non debemos é facernos trampas a nós mesmos", di o conselleiro.
Sobre a posible declaración de zona catastrófica para as rías galegas afectadas pola mortaldade do marisco, Alfonso Villares explica que "o que temos que facer agora é recompilar datos de todas as rías para ser precisos na información que temos que dar".
Aclara que se sabe que "nalgunhas zonas a baixa produción existe e noutras non houbo tanta mortaldade de moluscos. Xa levamos tres semanas facendo ese estudo e traballando con eses datos para axilizalo o máximo posible. Buscamos o camiño da declaración de zona catastrófica porque sería o único xeito polo que todas as persoas afectadas poidan cobrar e ter algún tipo de indemnización".
Neste senso, espera "que non despois de quince días teremos rematados todos os informes. Son informes que teñen que ter datos de pluviometría, de baixa salinidade e de mortaldade, que agora mesmo son os que máis nos custa facer. Estamos en contactos coas confrarías e coas zonas afectadas para ter un informe con eses datos".
De cara ao futuro, o conselleiro do Mar é partidario de "facer estudos tamén cos nosos centros de investigación para ver a posibilidade de traballar con especies que sexan máis resistentes ou estirpes máis resistentes dos distintos moluscos cos que están a traballar os nosos mariscadores".
Así mesmo, indica que "hai que facer moitos traballos de arado nas nosas praias e nas nosas areas e nalgúns lados haberá que facer algún tipo de dragaxe. Hai que traballar a area, que será fundamental para ter ese substrato ideal para despois esa semente que poñamos con especies máis resistentes a esa baixa salinidade e a unha temperatura máis quente da auga que as especies máis sensibles. Por aí vai o camiño e por aí hai que traballar".