Allariz acolle as 12ª xornadas da Carne de Boi
Allariz acolle as 12ª xornadas da Carne de Boi
Unha vintena de restaurantes e taperías participan no certame
Os bois, de raza autóctona, críanse tamén alí
O chuletón é a peza máis cotizada nas xornadas da carne de boi. Oitenta euros o quilo, o mesmo que o ano pasado. "Que ten graxa infiltrada, que é o que lle dá o sabor á carne de boi", comenta Carlos, da Casa rural de Vilaboa.
Pero o éxito das xornadas radica na variedade de elaboracións. Desde unhas albóndegas de carne de boi acompañadas de cogomelos de temporada... a unha 'morriña do verán': "Xarrete de boi guisado a baixa temperatura, con colorante para que semelle un xeado. Ten fiíños de chili e mazá deshidratada", explica Jennifer López, do restaurante Roi Xordo.
Unha vintena de locais participan nestas décimo segundas xornadas da carne do boi que se van prolongar ata o xoves da próxima semana. Hai concurso de tapas e menús pechados con pratos tan variados coma un steak tartar ou o clásico chuletón de boi.
Os bois, que son de raza autóctona, limiá, críanos tamén en Allariz.
Xosé Romero, responsable da distribución da carne: "En extensivo e de forma natural, aproveitando os pastos da contorna e cun manexo o máis tranquilo posible, que os animais teñan auga e comida suficiente...".
Os que participan desde a primeira edición valoran positivamente o resultado.