Publicador de contidos
Publicador de contidos

"Debería ser posible modificar a normativa para aumentar a seguridade no tráfico de colectores"

"Debería ser posible modificar a normativa para aumentar a seguridade no tráfico de colectores"

A capitá de Mariña Mercante e subdirectora académica da Escola Técnica Superior da Mariña Mercante da Universidade da Coruña comparte que os contedores de pellets vaian baixo cuberta ou no centro dos cargueiros 

Afirma que a perda de colectores no mar é "máis frecuente do que debería ser", con máis de 1.500 ao ano

G24.gal 19/01/2024 10:23

A capitá de Mariña Mercante e subdirectora académica da Escola Técnica Superior da Mariña Mercante da Universidade da Coruña, Alsira Salgado, considera "posible" modificar a normativa de circulación marítima para aumentar a seguridade no tráfico de colectores e evitar así novos accidentes como a recente vertedura de granulados do buque Toconao na costa galega.

Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, sinala que "se nos referimos á vertedura dos pellets, xa hai un proxecto de circular por parte da Organización Marítima Internacional, que saíu a raíz do accidente que houbo cun buque no ano 2021 en Sri Lanka". Nese accidente caeron ao mar 78.000 quilos de granulados de plástico, que Nacións Unidas considerou o peor desastre ecolóxico mariño na historia dese país asiático.

Alsira Salgado explica que os cambios no SOLAS (o Convenio internacional para a seguridade da vida humana no mar) ten que acordarse por parte dos estados membros da Organización Marítima Internacional (175 estados membros e outros 3 asociados), na que tamén figuran distintas organizacións non gobernamentais, ecoloxistas e sectoriais.

A capitá Salgado indica que "desde a Organización Marítima Internacional apuntan que neste proxecto de circular mencionan que se puidese levar os contedores [de pellets] baixo cuberta ou levalos cara ao centro [do cargueiro]. É un proxecto e como proxecto pode aínda modificarse porque non está en vigor".

A subdirectora académica da Escola Técnica Superior da Mariña Mercante da Universidade da Coruña di que a perda de colectores no mar "é máis frecuente do que debería ser. Non é que pase todos os días, pero se escoitamos esa cifra de 1.500 ao ano parece que é bastante e nos colectores pode ir calquera transporte de mercadoría. De feito, hoxe en día móvese moita mercadoría por colector".

No caso do Toconao, un buque con bandeira de Liberia e armador que radica nas Bermudas, Alsira Salgado explica que "como mariño mercante, independentemente da bandeira que teña o buque e neste caso, no que o accidente foi debido a causas de forza maior como é un temporal, o responsable sería o seguro da carga e teríase que facer cargo o seguro da carga".

Sobre a posibilidade de afastar máis da costa a circulación deste tipo de cargueiros, Alsira Salgado deixa entrever que non sería unha solución. Afirma que "por moito que se afaste, estas correntes como as que hai agora, como é a corrente de Nadal, e os ventos frecuentes, van facer que o mar sempre vai botar todo o que non é del. Esa é a expresión que sempre se di. O que non é dun, bótase para fóra máis tarde ou máis cedo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade