Publicador de contidos
Publicador de contidos

Altri elixe Palas de Rei para a súa factoría de fibras téxtiles, que prevé crear 2.500 empregos

Altri elixe Palas de Rei para a súa factoría de fibras téxtiles, que prevé crear 2.500 empregos

O director xeral da compañía, o portugués José Soares de Pina, comunicoulle a decisión este martes ao presidente da Xunta

A fábrica prevé crear 1.500 postos de traballo directos e uns 1.000 máis indirectos

O presidente da Xunta saúda o conselleiro delegado de Altri (EFE/Xoán Rey)
G24.gal 26/04/2022 14:53

A pasteira portuguesa Altri elixiu Palas de Rei para instalar a súa factoría de fibras téxtiles. O director executivo da empresa José Soares de Pina reuniuse este martes á mañá co presidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo e comunicoulle a decisión.

Altri estudou 43 localizacións diferentes, a maioría na provincia de Lugo, para a súa nova planta, e finalmente decidiuse por Palas de Rei.

Está previsto que as obras de construción desta fábrica comecen a finais deste ano. Será a primeira do mundo que integra nunha factoría a produción de celulosa líquida e a elaboración de tecido vexetal

É o principal proxecto con que Galicia opta a fondos Next Generation. O investimento total será duns 800 millóns de euros. Está previsto que cree uns 1.500 postos de traballo directos e 1.000 empregos indirectos máis.

Soares de Pina declarou que a elección de Palas de Rei responde a varios criterios diferentes, como a ampla dispoñibilidade de terreo, a orografía, o tipo de chan, os recursos hídricos ao alcance, a infraestrutura existente, as posibilidades enerxéticas ou as condicións loxísticas; todos eles avaliados, destacou, mediante un "estudo en profundidade".

Desta forma, cumpre os criterios dunha proposición non de lei do Parlamento de Galicia, aprobada de forma unánime, pola que se instaba o Goberno galego a pactar a instalación desta factoría na provincia de Lugo.

O director executivo de Altri afirmou que está en conversacións "con varios potenciais socios" locais para este proxecto e que cando se rexistren avances nesta materia o fará público.

Así mesmo, sinalou que o complexo "vai producir a súa propia enerxía" e considerou "difícil" que este proxecto "non estea aliñado cos criterios dos fondos Next Generation" dada a creación de valor engadido prevista e a sustentabilidade ambiental e mais o impacto industrial positivo para Galicia e o conxunto de España.

"Necesitamos o Goberno central para pechar este círculo e apostar pola execución material e eficiente dos fondos europeos", dixo, pola súa banda, Núñez Feijóo, que no seu discurso destacou que a fábrica prevé producir "fibra de altísima calidade para as multinacionais téxtiles máis esixentes do mundo".

O presidente da Xunta recalcou o "enorme potencial" de Galicia en produción e transformación de produtos forestais e insistiu en que este foi desde o comezo uno dos proxectos prioritarios do Executivo autonómico para presentar como candidato a beneficiarse deses fondos europeos.

Do mesmo xeito, celebrou que a localización prevista de Palas de Rei "entra perfectamente no consenso político e parlamentario" e mostrou a súa confianza en que "nun par de anos" a fábrica poida estar xa funcionando

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade