Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un documental e unha exposición fotográfica contan a historia da confeitaría Cerviño

Un documental e unha exposición fotográfica contan a historia da confeitaría Cerviño

Os autores son os alumnos do IES Chamoso Lamas do Carballiño 

G24.gal 29/06/2023 21:24 Última actualización 29/06/2023 22:29

Unha familia de pasteleiros do Carballiño leva catro xeracións facéndolles a vida algo máis doce aos seus veciños.

Son toda unha institución na vila e agora mesmo teñen o seu propio documental. 

Máis de sesenta anos leva a confeitaría Cerviño dando mostra do mellor da repostería tradicional. Pero o certo é que a historia desta familia pasteleira remóntase a principios do século pasado. Unha historia que chamou a atención dos alumnos do instituto Chamoso Lamas, que decidiron transformala nunha curtametraxe e nunha exposición fotográfica na rúa. 

"Esta historia empeza cando o meu bisavó casa coa súa muller, que parece ser que xa viña dunha familia de xente que facía doces, e empezan a facer rosquillas para vender nas feiras, e empezaron tamén a traballar con chocolate, tiñan como unha pequena fábrica de chocolate", Lembra Ana Cerviño, xerente da confeitaría Cerviño.

Corrían daquela os anos vinte do século pasado pero habería que agardar ata a década dos sesenta para que construísen este edificio, abrisen a pastelería e no baixo o seu propio obradoiro. Catro xeracións de pasteleiros deron mantido o negocio e a esencia das súas receitas. Ese din que é o segredo para manterse malia o paso do tempo. 

"Nós mantemos as mesmas receitas que tiñan os meus avós, hai poucos cambios, de feito a xente cando vén di que é o mesmo sabor, o mesmo que compraban hai moitos anos, entón creo que iso é o importante. imos metendo innovacións pero mantendo sempre a tradición", apunta Ana Cerviño, xerente da confeitaría Cerviño.

Aquí fan acotío todo tipo de doces e arredor de cinco mil cañas fritas. Parte quedan no Carballiño pero outras moitas viaxan ata confeitarías e restaurantes de toda a península. A súa historia forma parte dun proxecto de fotografía que foi algo máis aló.  

"Vimos para ver como era o espazo, que tiñamos dispoñible para facer as fotos, sacar ideas. Os nosos compañeiros seguiron coa idea de facer fotos e nós dixemos: eh, que tal se facemos un documental?", conta Francis Meneses, alumna de 3.º de ESO no IES Chamoso Lamas do Carballiño. 

E foi así que o traballo da pastelería se converteu nunha curtametraxe que foi todo un descubrimento para os alumnos. 

"Non tiñan nin idea do que había dentro da confeitaría nin sabían que levaban tantos anos, tantas xeracións... que tiñan tanta historia, non?", conta Santiago Lamas, alumno de 3.º de ESO no IES Chamoso Lamas do Carballiño. 

A pastelería Cerviño segue sumando anos e proxectos, coa mesma ilusión que cando abriu as súas portas.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade