Alumnos dos Escolapios de Monforte, expertos en ciberseguridade
Alumnos dos Escolapios de Monforte, expertos en ciberseguridade
Gañaron un concurso en que participaban máis de 150 colexios galegos
O obxectivo é que os mozos adquiran coñecementos e unha ética social para desenvolverse nos medios dixitais
Sexting, grooming, phishing ou bullying son conceptos que moitos non coñecemos ben pero que no colexio Escolapios de Monforte de Lemos manexan á perfección. Os seus alumnos de segundo da ESO gañaron por segundo ano consecutivo un concurso sobre ciberseguridade entre máis de 150 colexios de Galicia.
Luís e Rubén son dous deses rapaces de 13 anos que representaron o seu colexio na segunda Edición do Concurso Ciberseguridade no cole. O obxectivo é que os alumnos adquiran os coñecementos necesarios para facer fronte aos perigos que supón o uso dos medios dixitais. O concurso, organizado por Telefónica, supón esa motivación extra e lúdica para axudar a crear unha cultura de ciberseguridade dende idades temperás.
A ciberseguridade, como eles mesmos contan, abrangue moitos campos, pero a ética social cada vez é máis importante. Teñen a sorte de contar cun profesor como Javier Saco, un dos mellores mestres de Galicia, proposto no seu día para mellor docente de España.