Ampla participación nos maios de Ourense malia a chuvia
Ampla participación nos maios de Ourense malia a chuvia
A celebración trasladouse aos soportais da Praza Maior da cidade
Numerosos visitantes aplaudiron as coplas, sempre irónicas e reivindicativas
Desde pequerrechiños empezan os ourensáns a cantar os maios. Coma o musgo, os codesos ou os bugallos, a tradición dos maios prende ben nesta terra.
"Nós fomos recoller os materiais e os pais fixeron o maio", comenta un alumno do colexio Irmáns Villar.
E está visto que non hai chuvia que espante os visitantes.
"Sería máis bonito se non chovese, pero que se lle vai facer?, toca mollarse!", di unha muller.
O percorrido polos soportais da Praza Maior lévanos desde os maios enxebres, piramidais, a os artísticos, algún a tamaño real, coma o cruceiro de Vilar de Astrés.
"Sempre intentamos facelo tal cal son as medidas. Collemos o metro e imos alí tomar medidas para despois facelo", asegura Jacobo Ovejero, asociación cultural Os Lolailos.
Outros, coma os de Cudeiro, que gañaron varios anos, reproducen oficios tradicionais, e tamén hai escenas entrañables, coma uns velliños namorados.
"Dous velliños que están xuntos toda a vida. Puxémoslle de título 'Meu amoriño", explican os concursantes.
Participan colexios, asociacións culturais, políticas, de veciños, amigos... coas súas coplas sempre irónicas e reivindicativas, e este ano ata viñeron os das alfombras de Ponteareas, que reproduciron o rosetón da catedral de Ourense como homenaxe á cidade.