Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Rede Galega contra a Trata Sexual di que é imposible loitar se se permite que haxa mulleres explotadas

A Rede Galega contra a Trata Sexual di que é imposible loitar se se permite que haxa mulleres explotadas

A voceira da Rede Galega contra a Trata Sexual asegura que endurecer a persecución aos proxenetas e multar os usuarios son medidas que están no camiño correcto para abolir a prostitución

Ana García afirma que nunca coñeceu unha muller que lle manifestase que exercía voluntariamente a prostitución

Galicia é unha das comunidades onde chega un maior número de mulleres

G24.gal 08/06/2022 10:42

Ana García considera que a proposición de lei admitida a trámite este martes no Congreso por unha ampla maioría é un paso adiante cara a obxectivo de abolir a prostitución. García, que é tamén asesora xurídica da asociación Faraxa de Vigo está convencida de que non se pode loitar contra a trata se se permite a existencia de mulleres explotadas sexualmente.

"Por fin algún partido, alguén neste país, decide tratar de abolir a prostitución e endurecer o Código penal para perseguir estes delincuentes de forma efectiva e eficaz. Esta é a situación pola que debemos camiñar"

Para lograr a abolición da prostitución, amais de perseguir os proxenetas e multar os usuarios, Ana García avoga ademais por ofrecer axuda económica ás vítimas de tráfico sexual e modificar a lei de estranxeiría. 

"Debemos ademais modificar a regulación de estranxeiría, implementar algún tipo de prestación económica como Ingreso Mínimo Vital, pensado precisamente para as vítimas de tráfico e violencia de xénero"

Ana García asegura que Galicia é unha das primeiras comunidades onde chegan mulleres, sobre todo de Iberoamérica, a través de Portugal e Madrid, para seren explotadas sexualmente. Moitas, segundo García, quedan en Galicia onde operan redes dedicadas a "seguir servindo mulleres para cubrir a demanda de prostitución". 

"Creo que somos un país, tanto desde o punto de vista da economía como dos Dereitos Humanos, que pode asumir en pleno século XXI a situación destas mulleres que chegan ao noso país cunha soa finalidade: ser explotadas sexualmente"

Ana García afirma que, segundo a súa experiencia na atención de vítimas de tráfico sexual, ningunha muller opta libremente por exercer a prostitución. 

"Xamais ningunha muller manifestou, nin a min nin as compañeiras da asociación, que estivese exercendo a prostitución voluntariamente". 

Para Ana García, a maioría das vítimas do tráfico sexual son mulleres pobres, que proceden dunha situación de extrema vulnerabilidade e que veñen a este país coa única posibilidade de conseguir sustento para as súas familias na explotación sexual. 

"A explotación sexual non só ten como consecuencia a explotación do corpo da muller, senón que as esnaquiza completamente. A maioría sofre tamén violencia por parte das súas parellas e proxenetas e moitas acaban recorrendo ás drogas e ao alcohol para poder soportar a situación en que viven" 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade