Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana López Suevos: "As denuncias por delitos sexuais duplicáronse desde 2017"

Ana López Suevos: "As denuncias por delitos sexuais duplicáronse desde 2017"

A maxistrada especializada en violencia machista constata o crecemento exponencial das agresións sexuais no último lustro

G24.gal 13/06/2023 08:48

As denuncias por delitos sexuais en España duplicáronse desde 2017, segundo explicou no programa Galicia por diante da Radio Galega a maxistrada Ana López Suevos. A xuíza apunta que a implicación máis frecuente de menores nestes delitos pon o foco nas eivas da educación e no consumo de pornografía desde moi curta idade:

"Están accedendo con 5, 6, 8 anos á pornografía. E a ausencia de educación afectivo-sexual de calidade nos centros de ensino. E tamén creo que as familias non están facendo un control efectivo do acceso a Internet dos seus fillos, nin se fala destes temas en familia".

Isto inflúe, di, no perfil dos delincuentes: "O agresor sexual non é a típica persoa do imaxinario colectivo que nos ataca nun descampado ou nunha rúa solitaria, non é unha persoa que poidas identificar e poñerte alerta; é calquera das persoas que nos rodea".

A maxistrada aproveitou para reclamar que se melloren os procedementos xudiciais e policiais nos casos de delitos sexuais:

"Está moi estudado que unha vítima ben acollida polo sistema, á que se informa de como vai ser o proceso, á que se lle fai acompañamento psicolóxico durante o proceso policial e xudicial, á que non se lle obriga a relatar o seu trauma de forma reiterada... É unha vítima que vai poder superar o seu trauma e vivir a súa vida con normalidade. Se iso non se fai así, probablemente terá secuelas toda a súa vida".

López Suevos falou tamén do impacto que puido ter nas vítimas a revisión de condenas que supuxo a aplicación da Lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como lei do 'só si é si':

"Hai que entender que a vítima para lograr unha condena pasa por un proceso policial e xudicial moi duro no que revive o sufrimento. Todo o que ten que ver co proceso que se reabre para revisar a condena reabre o seu sufrimento".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade