Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ana Pontón: "O noso obxectivo é acadar a presidencia da Xunta en 2024"

Ana Pontón: "O noso obxectivo é acadar a presidencia da Xunta en 2024"

"Os galegos pagamos máis ao Estado do que recibimos e non podemos seguir cun sistema de financiamento que nos discrimina"

"Galicia debe defender unha cota semellante á de Euskadi ou Navarra"

 "Se os orzamentos xerais do estado non melloran, o voto afirmativo do BNG está lonxe de poder ser unha realidade"

Ana Pontón no informativo Bos días
G24.gal 11/11/2021 09:56

Ampliar a base social-electoral do BNG co reto de acadar a Xunta en 2024. É a idea forza da Asemblea Nacional do BNG número  XVII, na que a súa voceira nacional, Ana Pontón, saíu reelixida co apoio do 99 %.

A voceira nacionalista estivo nunha entrevista no informativo Bos días, onde manifestou que a asemblea marca un novo ciclo no BNG en que o obxectivo é darlles aos galegos e galegas unha alternativa para que no 2024 haxa unha presidencia nacionalista. 

En canto á reflexión persoal que fixo, destacou que "foi un proceso moi positivo porque tivo a oportunidade de falar con moitos sectores da sociedade galega e o resultado foi moi satisfactorio".

Afirmou que "a opción de dar un paso ao lado estivo enriba da mesa", e destacou que a alternativa real fronte ao Partido Popular é o BNG.

Pontón subliñou que despois da Asemblea saíu un BNG máis unido, cohesionado e con máis capacidade para afrontar o reto de chegar á presidencia da Xunta. Dixo que o PP está obsesionado co seu partido e que fai de oposición da oposición.

En canto ao nacionalismo, Pontón subliñou que "iso significa defender e querer o noso país". Destacou que cando se decide desde aquí, aos galegos vailles mellor. 

Financiamento autonómico

Ana Pontón referiuse ao financiamento autonómico e dixo que "dende o 2014 o sistema está caducado e Galicia perdeu moitos millóns de euros". Cre que ten un defecto moi grande, que "é que a recadación está centralizada en Madrid e non hai transparencia do que se recada e do que vén".

O BNG, dixo, "defende o sistema de cota como o que teñen Navarra e o País Vasco" e que Galicia podería ter no réxime do sistema de financiamento 4.000 millóns de euros máis.

Cre que hai que ir a unha proposta ambiciosa como que as empresas que explotan recursos naturais na comunidade paguen os impostos aquí, que se aumente ao 90 % a cesión dos impostos cedidos ou que se reclame a cesión ao 100 % do imposto de patrimonio.

Orzamentos xerais do Estado

Pontón dixo que o voto negativo do BNG nos pasados orzamentos fixo que o Goberno rectificase e incrementase este ano un 30 % os investimentos en Galicia. Cre que hai moitos asuntos na mesa que dependen do estado, como o de Alcoa ou mellorar as nosas infraestruturas.

Destacou que teñen a man tendida para poder negociar uns orzamentos mellores para Galicia e que se non melloran, o voto afirmativo do BNG está lonxe de poder ser unha realidade.

A voceira nacionalista amosou a súa preocupación ante a votación que ten lugar este xoves no Congreso dos Deputados para elixir os membros do Tribunal Constitucional e afirmou: "Estamos nunha democracia de baixa calidade".

Candidatura electoral de Yolanda Díaz

En canto á candidatura electoral de Yolanda Díaz, Pontón dixo que o pluralismo político forma parte da esencia da democracia e que ten unha relación cordial con ela. Subliñou que en Galicia xa se tiveron experiencias con ese tipo de plataformas e que os galegos xa falaron nas urnas.

Para finalizar, a líder nacionalista afirmou que tras ser elixida na Asemblea Nacional do BNG, xa tivo un contacto con Valentín González Formoso e que o presidente da Xunta non a chamou, polo que cre que a súa reelección "é unha mala noticia para el".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade