Publicador de contidos
Publicador de contidos

Renfe recupera o servizo ferroviario na Coruña tras prestalo por estrada por mor das obras durante a fin de semana

Renfe recupera o servizo ferroviario na Coruña tras prestalo por estrada por mor das obras durante a fin de semana

Desde o venres pola noite ata este luns prestáronse máis de 250 servizos de autobús entre A Coruña e Santiago e uns 50 de taxi

TVG
G24.gal 23/09/2024 08:42

Renfe recuperou este luns o servizo ferroviario na Coruña tras prestalo a fin de semana por estrada debido ás obras na estación de San Cristovo para a intermodal.

O tráfico ferroviario restableceuse con normalidade, aínda que rexistrou un cuarto de hora de atraso o Avant procedente de Ourense, que tiña que chegar á estación coruñesa minutos antes das 08:00 horas.

Desde o venres pola noite ata este luns prestáronse máis de 250 servizos de autobús para facilitar a mobilidade entre A Coruña e Santiago e uns 50 de taxi.

Víronse afectados os trens de Longa Distancia que conectan Ferrol e A Coruña con Madrid e os de Media Distancia e Avant con orixe / destino na estación coruñesa.

ADIF efectuou a fase de probas con trens da nova sinalización e bloqueo electrónico da estación da Coruña, para a súa próxima posta en servizo.

Os traballos na infraestrutura entre A Coruña e Santiago e A Coruña-Betanzos forman parte da modernización dos sistemas de sinalización e comunicación da estación, no marco das obras de remodelación desta instalación. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade