Ana Pontón reclama un "gran acordo pola lingua" con propostas reais e efectivas
A voceira do BNG pide "deixar atrás" as políticas que "discriminan" o galego e que o "fan retroceder"

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón reclamaba este domingo unha maior implicación das administracións para que o galego deixe de ser, dixo, unha lingua minoritaria.
Pontón sinalou que aínda que a lingua galega "vive unha situación crítica", son "miles os galegos" que traballan man a man para impulsar un cambio de rumbo e darlle "mil primaveras máis".
A continuación, apuntou que o BNG "ten toda a vontade" para alcanzar un "grande acordo" pola lingua desde o consenso social e para "deixar atrás" as políticas que "discriminan" o galego e que o "fan retroceder".
"Un acordo sobre propostas reais que sexan efectivas xa", reclamou a portavoz nacionalista. Pontón fixo un chamamento á participación na mobilización convocada para o vindeiro día 23 pola plataforma 'Queremos Galego' en Santiago de Compostela.