Analizan os menús escolares en Ames tras un gromo de gastroenterite cuns 60 afectados
Analizan os menús escolares en Ames tras un gromo de gastroenterite cuns 60 afectados
Sanidade tomou mostras da comida dos centros escolares para investigar a orixe da infección
Ningún dos 65 casos detectados reviste gravidade
As Asociacións de Pais de Ames apuntan a que os afectados serían máis
A Consellería de Sanidade tomou mostras de comida de menús de comedores escolares de Ames , tras detectarse nos últimos días un gromo de gastroenterite cun total de 65 afectados, tras confirmar Sanidade seis casos máis nas últimas horas, aínda que algunhas fontes apuntan a que poderían ser máis.
De todos os casos rexistrados, ningún deles grave, a maioría procederían do CEP de Ventín, onde se detectaron os primeiros síntomas entre alumnos e monitores do servizo de comedor, que é unha concesión municipal.
Iso si, podería haber casos noutros centros. Sanidade, a través dos servizos de Vixilancia Epidemiolóxica e de Saúde Alimentaria, tomou mostras da comida o venres por se este puidese ser a orixe, aínda que "aínda non está definida a causa", tal e como informan fontes deste departamento.
Polo momento, non se rexistraron casos graves nin tampouco ingresos, aínda que algúns dos afectados si acudiron a Urxencias.
O Concello de Ames recomenda que, se algún membro da comunidade educativa do CEP de Ventín presenta unha indisposición compatible con este gromo, con síntomas de vómitos e diarrea, se poña en contacto co número 649 829 090 ou por WhatsApp no 606 714 163.