Anticorrupción pide que se abra xuízo oral contra o expresidente do BBVA
Anticorrupción pide que se abra xuízo oral contra o expresidente do BBVA
Tamén contra a propia entidade e once persoas por suborno e revelación de segredos na suposta contratación de empresas vinculadas a Villarejo
A Fiscalía Anticorrupción pediu que se abra xuízo oral contra o expresidente do BBVA, Francisco González, a propia entidade e outras once persoas por suborno e revelación de segredos en relación coa suposta contratación de empresas vinculadas ao excomisario José Manuel Villarejo.
Nun escrito ao que tivo acceso EFE, insta ao xuíz da Audiencia Nacional Manuel García Castelló a iniciar procedemento oral contra estas persoas físicas pola existencia de "delitos relacionados coa contratación de empresas vinculadas ao excomisario".
Anticorrupción considera probado que o BBVA, "coa expresa aquiescencia do seu presidente executivo, Francisco González", contratou no 2002 o excomisario de policía Julio Corrochano, o que "permitiu unha ligazón entre a entidade e os anteriores compañeiros do citado policía", entre os que se atopaban os comisarios en activo José Manuel Villarejo e Enrique García Castaño.
Trátase da operación Trampa, novena peza separada do caso Villarejo que se ocupa dos supostos servizos de espionaxe a políticos, empresarios e xornalistas que o banco encargaría ao excomisario desde 2004, cando a construtora Sacyr iniciou, sen éxito, un movemento para tratar de tomar o control da entidade.
A mediados de 2019 acordou a imputación tanto do BBVA como do seu expresidente Francisco González, nunha causa na que xa figuraban como investigados outros antigos directivos do banco.
Anticorrupción inclúe entre os que deben sentar no banco o ex conselleiro delegado do banco Ángel Cano; o exdirector dos servizos xurídicos do banco Eduardo Arbizu; o que fora director do gabinete de presidencia da entidade Joaquín Gortari; o exdirector de Riscos do banco Antonio Béjar ou o exjefe de seguridade Julio Corrochano. Tamén o propio Villarejo e o seu socio, Rafael Redondo.
Dobre actividade
Segundo sostén Anticorrupcion, Corrochano coñecía a "dobre actividade do seu amigo e Compañeiro Villarejo a través do Grupo Cenyt", en referencia aos labores de seguimento que realizaba para distintas empresas, de onde deriva o delito de suborno, ao estar ambos os dous en activo na Policía Nacional.
Entre ambos os dous farían "un uso fraudulento das posibilidades que lles outorgaba o seu especial posto dentro do organigrama de necesidades operativas da policía" para poñer en práctica "unha estrutura empresarial coa cal lucrarse", grazas ao acceso indirecto a todos os rexistros policiais e bases reservadas de datos das forzas e corpos de Seguridade do Estado.
O actual presidente do banco, Carlos Torres Vila, declarou como testemuña o pasado mes de outubro, e asegurou que non interveu de ningún xeito na contratación, cuxos detalles coñeceu pola prensa.