Antonio Figueras, investigador do CSIC: "Sería lóxico baixar a inspeccionar o estado do Prestige"
Antonio Figueras, investigador do CSIC: "Sería lóxico baixar a inspeccionar o estado do Prestige"
"A recuperación da costa galega foi heteroxénea, pero se atopamos nas prazas produtos das nosas rías e costas, será porque eses ecosistemas non foron aniquilados", apunta o que no momento da traxedia era director do Instituto de Investigación Mariñas do CSIC
No informativo Bos días, o profesor de investigación do CSIC, Antonio Figueras, lembrou a súa participación no núcleo duro do comité asesor científico, que tivo un cometido claro: "Ese comité créase cando o barco xa está afundido. Non sei o que pasou antes, non sei por que se decidiu afastalo da costa ou variar o seu rumbo. O que sei é o que se intentou facer para intentar paliar, diminuír, taponar, para reconducir a situación do barco xa afundido a 3.500 metros de profundidade unha parte e 3.700 a outra".
Lembra o profesor que o fundamental era "intentar canto antes diminuír ese fluxo de fuel e aconsellar como deberían levarse a cabo as tarefas de limpeza, para que foran o menos agresivas posible e facilitaran a recuperación dos ecosistemas afectados".
Apunta que esta recuperación produciuse dunha forma heteroxénea. "Hai zonas, como a Costa da Morte, que foron golpeadas brutalmente e outras que o foron menos, talvez polo efecto ventilador da auga de doce que entra nas rías".
Foron uns traballos que se estenderon no tempo. Di Antonio Figueras que "a tarefa dura era eliminar canto antes o fuel e intentar para aquilo, taponar as fugas, e a conclusión final que foi decidir a extracción do fuel, que se encomendou a Repsol, xa no mes de febreiro".
Sobre as posibles decisións equivocadas que se puideron tomar naqueles momentos, para o profesor de Investigación do CSIC, "non se pode falar de grandes erros, creo que estas cousas suceden e cada pequeno acerto ou fallo na xestión pode facer que o produto final sexa máis ou menos catastrófico".
"Creo que é unha cadea de toma de decisións, as circunstancias meteorolóxicas, que fan que acabe como acabe. Igual que sucedeu coa covid, pódese subestimar a súa importancia e ao final sucede o que sucede. Non podo dicir cal foi o grande erro, non creo que o poda dicir ninguén", comenta.
Insiste Antonio Figueras na heteroxeneidade da costa galega e apunta a falta de estudos globais sobre os nosos ecosistemas, "moi diversos e moi variados", nin agora nin antes da catástrofe do Prestige. Apunta, iso si, "que temos o dato. Se un vai ás prazas, aos mercados ou ás lonxas, hai produtos das nosas costas, polo que non foron aniquilados".
Para o antigo director do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIS, "sería bo baixar, inspeccionar ao barco. E sería lóxico. Pero tamén o sería na Foxa Atlántica, onde hai depositados residuos radioactivos desde os anos 80 e non baixou ninguén".
Conclúe que "necesitamos reclamar que as adminsitracións fagan a súa tarefa, que é render contas aos administrados".