Aparece varado nunha praia de Ferrol un xibardo de 10 metros de longo
Aparece varado nunha praia de Ferrol un xibardo de 10 metros de longo
A aparición dun xibardo na zona non é un feito común, por tratarse dunha especie en risco de extinción
Un xibardo duns 10 metros de longo e de polo menos 6 toneladas de peso permanece varado na praia de Marmadeiro, en Ferrol. Un particular alertou o 112 Galicia pola aparición do cetáceo, que xa estaba morto cando o atopou.
Persoal de Protección Civil e da Cemma, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, acudiu ao areal, situado na parroquia de Covas, e amarrou o gran exemplar para que non fose arrastrado pola marea.
Un portavoz da Cemma explicou que a aparición deste xibardo na zona non é un feito común, por tratarse dunha especie en risco de extinción e que non frecuenta o litoral galego.
Membros desta entidade iniciaron na praia ferrolá as análises que permitirán determinar as causas da morte do animal.