Aparecen exemplares de carabela portuguesa en praias de Carballo e Malpica
Aparecen exemplares de carabela portuguesa en praias de Carballo e Malpica
As carabelas portuguesas picaron 4 bañistas na praia de Razo
A súa picadura provoca unha dor intensa
A aparición das carabelas portuguesas concide cunha temperatura do mar máis alta do habitual
Apareceron esta maña na praia de Razo, no concello de Carballo. Son exemplares de carabela portuguesa, unha especie semellante a unha medusa, que ata o de agora era moi pouco habitual que chegasen ás nosas praias.
“Cando baixa a marea empezan a aparecer seguido. Os compañeiros que están en Baldaio, outro espazo natural con vixilancia, tamén as están atopando seguido”, explica Diego Felípez, membro de Protección Civil de Carballo.
Desde onte, as carabelas portuguesas xa picaron catro bañistas na praia de Razo. O último, este home, que foi atendido no posto de Protección Civil.
“Tiven unha picadura. Botáronme unha crema e a ver que sae”, explica o afectado.
“Poden ser como a que ten este señor, que é unha pequena abrasión, ou poden provocar ata vómitos ou mareos”, explica Diego Felípez.
En dúas praias do concello veciño de Malpica tamén apareceron varios exemplares. Nunca as viran ata este verán, coincidindo cunha temperatura do mar inusualmente alta. Aínda que o corpo non é moi grande, os seus tentáculos poden alcanzar varios metros, por iso en caso de avistalas compre afastarse inmediatamente delas.
"Os tentáculos son como fíos de sedal. Poden atacarte ata a 20 metros de distancia”, asegura Miguel Ángel Fernández, concelleiro de Seguridade cidadá de Malpica
En Razo xa colocaron un sinal de alerta para previr os bañistas, e en Malpica van facer o mesmo. Se aparecesen moitas máis tomarían outras medidas, pero, polo momento, coa precaución debida, pódese seguir gozando do baño.