Retiradas 59 carabelas portuguesas nas praias de Santa Cristina, Bastiagueiro e Mera en Oleiros
Retiradas 59 carabelas portuguesas nas praias de Santa Cristina, Bastiagueiro e Mera en Oleiros
A bandeira amarela xa está colgada nos areais para advertir os bañistas
A pasada semana apareceron exemplares na Coruña, en Carballo e no norte da provincia de Lugo
O Concello de Oleiros procedeu á retirada de 59 carabelas portuguesas que apareceron este luns nas praias de Santa Cristina, Bastiagueiro e Espiñeiro.
Segundo indica o Concello, "aínda que a situación pode cambiar, neste momento está colgada a bandeira amarela nestes tres areais para que os bañistas extremen as precaucións".
Tamén se informa da situación a través da megafonía das praias "para lembrar a importancia de non tocar estas medusas que provocan fortes picaduras". En caso de contacto, as persoas afectadas deben dirixirse ao posto de socorrismo.
As carabelas portuguesas chegaron a semana pasada a praias da cidade da Coruña, ao concello coruñés de Carballo e a algunhas praias do norte da provincia de Lugo.
De feito, a "grande cantidade" de exemplares desta especie atopadas na zona obrigaron a cancelar este domingo a LXXXIII Travesía a nado de San Amaro, na cidade herculina.
Pola súa banda, o Concello da Coruña informou de que se está realizando un seguimento diario da chegada de medusas ás praias da cidade aínda que sitúa dentro da "normalidade" nestas datas a presenza das mesmas.
Con todo, desde o concello lémbrase aos bañistas que deben estar atentos ás indicacións dos servizos de socorrismo que, tanto por megafonía como co izado de bandeiras, alertan de calquera posible risco. Tamén se lembra que non se debe tocar aos exemplares que aparezan na area e que o concello se encarga da súa retirada.