Publicador de contidos
Publicador de contidos

Que facer ante a picadura dunha carabela portuguesa

Que facer ante a picadura dunha carabela portuguesa

Nun primeiro momento é fundamental lavar o corpo con auga de mar, nunca con auga doce, ouriños ou vinagre. Unha vez limpa debemos aplicar frío e desinfectar a ferida con tintura de iodo

Sanidade recomenda acudir primeiro aos socorristas nos areais en que haxa servizo e desprazarse a un centro sanitario en caso de náuseas, mareos ou dificultades para respirar

Varios areais galegos rexistraron a presenza de carabelas portuguesas nos últimos días
G24.gal 27/08/2024 11:23

Saír da auga para eliminar posibles restos de tentáculos, non rascar a zona afectada e lavala con auga limpa do mar, nunca con auga doce, ouriños, amoníaco ou vinagre. Son os principais pasos a seguir no caso de sufrir unha picadura de medusa.

A Dirección Xeral de Saúde Pública, da Consellería de Sanidade da Xunta, publicou este martes un protocolo para seguir nas zonas de baño de Galicia, despois de que nas últimas semanas fose detectada a presenza de carabelas portuguesas (Physalia physalis) en diferentes areais galegos.

Ante esta situación, o departamento sanitario da Xunta fixou un conxunto de recomendacións sobre como se debe actuar ante a picadura desta especie mariña.

En primeiro lugar, recomendan á persoa alcanzada por unha medusa que salga da auga para “eliminar os posibles restos de tentáculos que teña no corpo”.

Para realizar esta extracción deberá evitar o contacto directo coas mans, de forma que se deberá usar pinzas ou luvas, ou na súa ausencia, co bordo dun obxecto ríxido e plano.

Nesta primeira actuación, é moi importante non rascar en ningún momento a zona afectada, nin que se empreguen toallas ou area para limpar a ferida, xa que esta presión podería aumentar a liberación de veleno.

O segundo paso a seguir será lavar a zona afectada con auga de mar limpa, comprobando previamente que esa auga non teña fragmentos de tentáculos.

Neste punto, Sanidade subliña que “xamais se debe lavar a zona afectada con auga doce” pois, o cambio de salinidade provoca unha maior liberación de veleno. Tampouco se debe utilizar amoníaco, vinagre ou ouriños.

Acto seguido, deberase aplicar frío sobre a zona da picadura mediante unha bolsa de plástico con xeo, e por un espazo de tempo de 15 minutos. Deste xeito, evitarase que o veleno pase á rega sanguínea.

O cuarto e último paso será desinfectar a ferida con tintura de iodo para evitar posibles infeccións.

Así, poderá coidarse a ferida ata que cicatrice e tamén evitar outra posible picadura durante o resto do verán, pois as súas consecuencias poden ser moito peores ao quedar o corpo sensibilizado ao veleno.

Con todo, desde a Consellería lembran que no caso de que a praia conte con servizo de socorrismo deberase acudir ao mesmo, e se se padecen síntomas xerais como náuseas, vómitos, mareos, cambras musculares, dor de cabeza, ou dificultade para respirar, deberase acudir ao centro sanitario máis próximo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade