Aprazan a declaración de Cortabitarte ao día 13, "afectado" pola agresión
Aprazan a declaración de Cortabitarte ao día 13, "afectado" pola agresión
"Aínda segue afectado polo sucedido", dixo o seu avogado, que prevé que a súa intervención "se vai prolongar"
Aumentan o dispositivo de seguridade na segunda xornada do xuízo
Andrés Cortabitarte, o exdirector de Seguridade na circulación do Adif, responsable no momento do sinistro de Angrois, non declarará na xornada deste xoves nin na deste venres, como estaba previsto, e vaino facer finalmente a próxima semana, o día 13.
Aínda que estaba previsto que o seu interrogatorio se producise ao rematar a do maquinista, o seu avogado, Ignacio Sánchez, solicitou que se atrasase, dado que estaba moi afectado pola agresión que sufriu onte á saída do xuízo por parte dunha das vítimas.
O defensor dixo que prevía que esa declaración "se vai prolongar" e que "aínda segue afectado polo sucedido" e é preciso que o faga a próxima semana.
A xuíza María Elena Fernández Currás aceptou a solicitude. "Somos todos coñecedores do incidente ocorrido á saída desta sala no día de onte co señor Cortabitarte. Son as 10:45 (de hoxe) e ademais a súa declaración será notablemente máis longa que a de Garzón", engadiu a xuíza.
A petición foi protestada só polo defensor de Garzón Amo, pero a xuíza admitiuna e levantou a sesión ata o próximo día 13 ás 9:30 horas.
O avogado do maquinista e o das vítimas cren que quere gañar tempo
Manuel Prieto, avogado que exerce a defensa do maquinista do Alvia, asegurou que a decisión da xuíza de pospoñer a declaración de Andrés Cortabitarte ten como obxectivo "preparar mellor a súa declaración", unha vez coñecido o testemuño do seu cliente.
"Só declarou Garzón, cando evidentemente o que se pretendía o hoxe era a declaración dos dous acusados", expresou Prieto. "Queren ter vantaxe pero creo que lle vai valer de pouco ao final", afirmou ante a prensa.
Segundo el, o avogado de Cortabitarte debería comunicar as súas intencións ao comezo da vista, para así pospoñer en todo caso ambas as declaracións e non só a súa, tras ser interrogado xa Garzón. "Non ten nada, foi un empuxón. Non estamos conformes. Podería ser mañá", protestou Prieto.
O avogado da plataforma de vítimas Alvia 04155, Manuel Alonso, tamén criticou que se pospoña a declaración de Cortabitarte: "Creo que aproveitaron unha circunstancia ocorrida onte. Non imos xustificar o que ocorreu, pero eu creo que o que gañaron é unha semana para preparar en conciencia a súa declaración en función do que dixo Garzón".
Segundo dixo, o maquinista "deu datos moi precisos de cal era a sinalización na vía", un tema que está intimamente relacionado con parte da responsabilidade de Cortabitarte.