Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aprendemos como se elabora unha pantalla, a cara do Entroido de Xinzo de Limia

Aprendemos como se elabora unha pantalla, a cara do Entroido de Xinzo de Limia

No taller de Santiago Martínez imparten desde setembro o obradoiro de máscaras en que unhas 25 persoas aprenden a confeccionar a pantalla coas súas mans

É a carauta da personaxe tradicional do Entroido limiao

G24.gal 10/01/2024 21:28

O Entroido está xa á volta da esquina. Estes días no obradoiro da elaboración de máscaras en Xinzo de Limia andan afanados para rematar as súas pantallas. Imos ver como confeccionan coas súas mans, de xeito totalmente artesanal, a carauta da personaxe tradicional do Entroido limiao, declarado de Interese Turístico Internacional.

A base da Pantalla é un sombreiro de home, nel debúxanse os ollos, o nariz, a boca e os cornos. 

"Unha vez que o temos cortado e cosido, todo é a base de papel (de xornal), empapélase coa cola, feita de fariña triga e auga, e vanse pegando os papeis dándolle forma. É moi laborioso, polo tempo de secado é o que máis tarda. Ponlle unhas 60 horas para facela ben", explica o artesán Santiago Martínez. 

O artesán Santiago Martínez leva máis de 30 dándolle vida á cara do Entroido de Xinzo no seu taller de artesanía onde tamén transmite o seu saber facer.

Neste obradoiro de máscaras que comezaron en setembro unhas 25 persoas, veciños e veciñas da vila, aprenden paso a paso como se elabora unha pantalla. Agora algúns están rematando xa coa pintura e outros van un pouco máis atrasados e aínda están lixando. 

"Como é unha obra de arte pois dá moito traballo. E agora pintar cos motivos de astros, soles, lúas, o tradicional. Preservala en todo momento, sobre todo a artesanía que implica, a tradición e o sentimento", di unha das alumnas do obradoiro.

"A pantalla é a alma de Xinzo", asegura Santiago.

E moitas almas coa faciana de pantalla teñen saído deste obradoiro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade