Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aprender nas vacacións sen cadernos de reforzo e con poucas pantallas

Aprender nas vacacións sen cadernos de reforzo e con poucas pantallas

Os pedagogos recomendan aproveitar o verán para realizar actividades familiares que fomenten a autonomía 

Aconsella que a rapazada non supere as dúas horas de pantalla ao día e que socialice con xente da súa idade

G24.gal 03/08/2024 14:37 Última actualización 03/08/2024 15:30

Cada vez máis os estudos pedagóxicos insisten en que o verán é tempo de descanso para a rapazada, e van quedando atrás os cadernos de reforzo con contas e caligrafía. Non ter tarefas académicas, din, non significa deixar de aprender.

As vacacións deben servir para facelo doutro xeito: en familia, con propostas de ocio alternativo e mantendo baixo control o uso das pantallas.

Vai aló máis dun mes de verán e as rutinas académicas de cadernos, fichas e repaso xa están esquecidas, porque para iso están as vacacións.

"Hai que aproveitar o tempo que á fin teño. A escola non me gusta moito e ponme nervioso e estou ansioso pensando en cada cousa que teño que facer. Así que este verán é de descanso", asegura Fernando Muíño.

Os pedagogos insisten en que isto non significa que durante este tempo os cativos e cativas deixen de adquirir coñecementos novos, pero fano doutro xeito.

"É interesante que os nenos participen nas cousas que se planifican na casa. A viaxe, a compra, que se vaia ao súper. Que falemos con eles do que custan as cousas, os prezos, as ofertas", explica Susana Rodríguez, investigadora do Grupo de Psicoloxía Educativa da Universidade da Coruña.

Son cousas do diario que poden reforzar a aprendizaxe matemática sen ter que sentar diante dun libro de contas. E advirten que hai un tipo de actividades que si se deben reforzar nesta época.

"Deberes familiares: teñen que ter o que considere cada familia, como facer a súa cama, gardar os seus zapatos, recoller a mesa... Ese tipo de obrigas que nós sabemos que son moi importantes. Precisamente os deberes escolares prescríbense por un gran beneficio, que é a autonomía do neno", asegura Rodríguez.

En canto ao xogo: dúas horas de pantalla como máximo ao día, que iso non impida socializar con grupos de iguais e realizar actividade física é fundamental. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade