Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Goberno permitirá catro parques eólicos mariños na costa galega

O Goberno permitirá catro parques eólicos mariños na costa galega

O Plan de ordenación marítima servirá para delimitar as zonas do litoral da Península susceptibles de ser aproveitadas para producir enerxía eólica mariña

 

G24.gal 28/02/2023 09:45 Última actualización 28/02/2023 21:24

O Goberno permitirá a instalación de parques eólicos mariños en catro polígonos da costa cantábrica galega e un na costa Atlántica. Así o aprobou este martes o Consello de Ministros. 

En concreto, un deles estará situado na desembocadura do Miño, mentres que o resto estarán na costa cantábrica das provincias da Coruña e de Lugo. 

En total, estes parques ocuparán unha superficie duns 2.350 quilómetros cadrados, na súa maioría no Cantábrico, xa que a extensión fronte á desembocadura do Miño alcanza os 117 quilómetros cadrados. O máis próximo está a unha distancia de 21 quilómetros de terra.

En todo o litoral español, o Executivo central marcou ata 19 zonas de alto potencial para o desenvolvemento de enerxía eólica que ocupan case 5.000 km cadrados

Estes están repartidos en catro grandes áreas: a noratlántica, a levantina-balear, a canaria e a do Estreito e Alborán.

Na zona noratlántica, que inclúe toda a costa galega e o mar Cantábrico, proxéctanse ata oito posibles espazos nos que se poderán instalar parques eólicos mariños

Ademais dos galegos, haberá outros tres en fronte á costa asturiana. En total, as oito áreas noratlánticas suman case 2.700 quilómetros cadrados, máis da metade dos case 5.000 quilómetros cadrados onde o Goberno permitirá instalar eólica mariña en toda a costa española. É dicir, ocuparán un 0,46 % do espazo marítimo. 

Dende o ministerio asegurouse ademais que a súa instalación garantirá a actividade pesqueira, o respecto aos ecosistemas, a seguridade do transporte marítimo ou a defensa nacional.

Estes plans teñen unha duración de seis anos, ata decembro de 2027, polo que serán revisados para esa data.

A Xunta quéixase da falta de información

O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, lamentou este martes que o Goberno non facilitase información ás comunidades autónomas antes de aprobar os plans de ordenación do espazo marítimo (POEM) dado o potencial que a enerxía eólica marítima ten na comunidade galega.

“Somos unha potencia pesqueira, impórtanos moitísimo todo isto, creouse un observatorio de eólica mariña onde todos os interesados, incluída a xente que vive do mar, puidese ter voz e estar informado, e eu lamento que esta información nunca chegou”, dixo en Mos o presidente galego.

O BNG acusa o Goberno de "cómplice do 'boom' eólico depredador" en Galicia

O BNG advertiu este martes de que o Plan de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) aprobado polo Goberno "pon en risco" o sector pesqueiro e o ecosistema mariño, á vez que reclamou unha "Galicia libre de eólica mariña".  

O deputado nacionalista Néstor Rego denunciou que o Executivo central é "cómplice do 'boom' eólico depredador" en Galicia, poñéndose "ao lado das grandes empresas enerxéticas" en detrimento do sector pesqueiro.

  Para Néstor Rego, a aprobación deste POEM é "unha nova labazada" para este sector e sinalou que, "curiosamente", Galicia concentrará case a metade dos megawatios de eólica mariña que está a tramitar o Goberno español.  

O sector cualifica a medida como "a maior ultraxe do Goberno contra a pesca"

Os Plans de Ordenación do Espazo Marítimo (POEM) de España, que definen as zonas para desenvolver a enerxía eólica, son "a maior ultraxe do Goberno contra a pesca dos últimos tempos", segundo o presidente da Federación Nacional de Confrarías Pesqueiras (FNCP), Basilio Otero.

Argumentou que, en España, a convivencia entre a pesca e as eólicas non é comparable á doutros países europeos porque, por unha banda, o número de navíos de baixura é moi superior e por outro "os quilómetros de plataforma continental son moi inferiores".

Iso significa que moitos buques conviven nunha zona de plataforma pequena e que a súa expulsión de caladoiros por mor do efecto das eólicas repercutirá nun exceso de concentración de navíos noutras áreas pesqueiras, tal e como ocorreu coas vedas do Atlántico nordés imposta pola Comisión Europea.

"Calquera comparación (con outros países) é unha mentira e unha falacia", recalcou.

Segundo Otero, os plans do Goberno exceptuaron zonas do sur e reduciron a área do norte delimitada para eólicas, pero afectan a caladoiros onde pescan 4.500 das 9.000 embarcacións da frota española.

Tras os POEM, engadiu, haberá que esperar aos proxectos concretos de desenvolvemento de muíños eólicos para cuantificar exactamente o impacto na pesca.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade