Apuran trámites para que na fin de semana estean na casa os rescatados no Gran Sol
No peor dos casos cóntase con que cheguen o sábado, pero o delegado do Goberno di que poderían chegar incluso hoxe
A tripulación rescatada en augas de Irlanda tras o naufraxio do Piedras, un arrastreiro con base en Marín, podería estar moi pronto na casa. Iso se todos os trámites administrativos quedan resoltos nas próximas hora.
Entre venres e sábado. Esa é a estimación da armadora para ter de volta na casa os 11 tripulantes do Piedras, o pesqueiro que afundiu nas últimas horas en augas do Gran Sol. Pero antes de voar a Galicia terán que declarar ante as autoridades irlandesas.
"Todos falaron coas súas familias e eles mesmos trataron de tranquilizalas, comentando que estaban en perfectas condicións", di Juan Carlos Martín Fragueiro, da Asociación Armadores de Marín.
Con todo, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, trasladaba este xoves que a chegada podería producirse antes: "Entre hoxe e mañá", dixo.
En declaracións aos medios, Miñones sinalou que o Goberno central está en "contacto directo" coa armadora do buque e traballando en "todos os trámites" para poder facer efectiva a súa volta a Galicia.
O patrón e o xefe de máquinas intentaron sen éxito reparar a vía de auga. Eles foron os últimos en abandonar o barco. "Intentaron salvar o buque e tapar a única vía de entrada de auga que tiñan, pero cando o barco empezou a escorar, para evitar riscos maiores, tiveron que abandonar", explica Martín Fragueiro.
Agora, as declaracións dos 11 tripulantes serán clave para tratar de resolver este naufraxio.