Arabia Saudita sae de compras, por María Cadaval
Arabia Saudita sae de compras, por María Cadaval
STC Group acaba de anunciar a compra do 9,9 % do capital de Telefónica, por debaixo do límite do 10 % que esixe aprobación do Goberno pero por enriba do 5 % que precisa dunha autorización de Defensa ao seren as telecomunicacións estratéxicas na seguridade nacional
A compañía Saudi Telecom Company (STC Group) acaba de anunciar que merca o 9,9 % de Telefónica a través dunha operación deseñada con bisturí e por sorpresa.
A compañía de telecomunicacións española informou á Comisión Nacional do Mercado de Valores do feito relevante de que STC mercaba por un importe de 2.100 millóns de euros unha parte importante da compañía até o punto de que a empresa saudita pasaría a converterse na principal accionista da teleco española, un posto que até o de agora ocupaba o BBVA (4,87 %), seguido por Blackrock (4,48 %) ou Caixabank (3,5 %).
A operación está tan medida que a propoñen fragmentada en dúas partes, tratando de sortear as limitacións establecidas e encaixala na lei estatal dentro dos topes establecidos. A día de hoxe hai dous limiares que o Goberno pode activar ante operacións deste tipo.
O primeiro sitúase no 10 % do capital, de xeito que todas as compras que superen esta porcentaxe están suxeitas á aplicación da acción de ouro do goberno.
O segundo dos topes, recentemente aprobado, establece que "os investimentos estranxeiros en España en actividades directamente relacionadas coa defensa nacional, tales como as que afectan ás capacidades industriais e áreas de coñecemento necesarias para prover os equipos, sistemas e servizos que doten as Forzas Armadas das capacidades militares necesarias" están suxeitos a un réxime particular, de modo que o Goberno pode vetar estas operacións cando superen o 5 % do capital dentro do prazo de tres meses.
Deste xeito, STC merca o 9,9 % de Telefónica (unha porcentaxe inferior ao primeiro limiar do 10 %) fragmentado en dous tramos, un que supón o 4,9 % en accións (por debaixo do 5 % que establece o Real Decreto 571/2023, de 4 de xullo, sobre investimentos exteriores) e un 5 % mediante instrumentos financeiros aprazados, para os que debe esperar autorización.
Non é unha cuestión baldía que o capital investidor que chega sexa dunha empresa “participada polo Estado saudita” ou directamente pertencente ao príncipe herdeiro Mohammed bin Salman, pois a lei española establece que “queda suspendido o réxime de liberalización dos investimentos estranxeiros directos en España cando estean controlados directa ou indirectamente polo goberno, incluídos os organismos públicos ou as forzas armadas, dun terceiro país, aplicándose para os efectos de determinar a existencia do control do artigo 7.2 da Lei de Defensa da Competencia”.
Con todo, esta operación non é illada, enmárcase dentro dunha estratexia global de Arabia Saudita a través da que pretende deixar de ser a “gasolineira” do mundo para converterse nun país avanzado tecnoloxicamente e situarse como líder ante o novo petróleo do século XXI, a información, as comunicacións e os datos, polo que xa conta cun 15 % de Vodafone, camiño de facerse co 20 %.
O Plan Vision 2030, que dirixe directamente o Príncipe Salman, ten unha folla de ruta trazada para facerse con sectores estratéxicos en países europeos a fin non só de entrar no capital e na tecnoloxía desas empresas senón sobre todo de influír nas decisións que os gobernos poidan tomar con respecto a Arabia Saudita.
A día de hoxe non se sabe como vai rematar este movemento de ficha que fai STC; o que si que están claras son as súas intencións e a planificación minuciosa da operación para tratar de evitar as dúas liñas vermellas que marca a lexislación española. Veremos.