Araceli Gestido, nova alcaldesa nacionalista en Cangas do Morrazo
Araceli Gestido, nova alcaldesa nacionalista en Cangas do Morrazo
Foi investida co voto da anterior rexedora da Alternativa dos Veciños
A nacionalista Araceli Gestido foi investida como alcaldesa de Cangas co voto da candidata da Alternativa dos Veciños, a anterior rexedora, Victoria Portas.
Ata este sábado non se confirmou a alcaldía deste concello porque Alternativa dos Veciños non asinou o acordo de goberno ao que chegaron o venres o BNG, o PSOE e Esquerda Unida.
Os resultados electorais deixaban o PP con dez concelleiros, sen chegar á maioría absoluta, e era necesaria a suma dos catro partidos de esquerdas para renovar un cuadripartito no que o BNG tería nesta ocasión o maior peso.
O Bloque duplicou nestas eleccións o número de concelleiros, con seis, o PSOE perdeu un e quedou con tres, Esquerda Unida sacaba un e a Alternativa dos Veciños outro.
Victoria Portas non confirmou se finalmente formará parte da coalición de goberno.