Publicador de contidos
Publicador de contidos

Aragonès acusa o CNI de usar mentiras para espialo: "É a segunda operación Cataluña"

Aragonès acusa o CNI de usar mentiras para espialo: "É a segunda operación Cataluña"

"Calquera cun mínimo de coñecemento da realidade política catalá ve que as afirmacións non teñen ningún tipo de base", di o presidente catalán, quen asegura que chegará "ata o final" para que se poidan "depurar responsabilidades"

Bolaños asegura que o actual Goberno nin autorizou nin coñeceu as escoitas

 

EFE 26/01/2024 11:57 Última actualización 26/01/2024 15:08

O presidente da Generalitat, Pere Aragonès, acusou o CNI de usar "mentiras" e "inventar falsidades" para xustificar a súa espionaxe a través de Pegasus, e comprometeuse a "chegar ata o final" no que considerou "a segunda parte da operación Cataluña".

O CNI pediu o aval do Tribunal Supremo para espiar co software Pegasus o móbil do presidente da Generalitat, Pere Aragonès, entre xullo de 2019 e marzo de 2020, argumentando que era quen coordinaba as accións dos CDR en Cataluña "desde a clandestinidade".

Así o aduciron os servizos secretos ante o xuíz do Supremo encargado do control do CNI, segundo consta nos autos que autorizaron o uso de Pegasus no móbil de Aragonès, facilitados polo Goberno ao xuíz que investiga a espionaxe ao presidente catalán tras desclasificalos.

En declaracións aos medios este venres, Aragonès asegurou que eses informes do CNI están "cheos de falsidades" e lamentou non poder acceder a unha desclasificación completa, xa que "hai páxinas enteiras manchadas de negro".

"O que constatamos é que a Operación Cataluña tivo unha segunda parte: a espionaxe masiva a persoas polo noso compromiso coa independencia de Cataluña. E ademais, incluíndo afirmacións fóra de toda realidade e de todo sentido común", aseverou.

O mandatario ironizou con que "se non fose porque foi unha espionaxe ilegal, sería para rir e parecería unha aventura de Mortadelo e Filemón, porque é lamentable".

Como tamén lamentables considerou as "mentiras" dos informes, como acusalo de dirixir os CDR desde a clandestinidade. "Calquera cun mínimo de coñecemento da realidade política catalá ve que as afirmacións non teñen ningún tipo de base".

"Non se explica por que, en base a que informacións. O que fixen sempre é defender a independencia e fíxeno utilizando os medios lexítimos ao meu alcance, cando era vicepresidente e agora como presidente".

Pero Aragonès quixo apuntar que o dereito á libre manifestación e mobilización é un dereito fundamental, polo que "mesmo aínda que fose o caso, non debería haber problema". "Pero tampouco é o caso. Calquera que coñece a miña traxectoria sabe que non é así", recalcou.

E é que o dirixente lamentou que se trate "ao goberno de Cataluña e a unha maioría de cidadáns como clandestinos", ante o que quixo lanzar unha mensaxe contundente: "Pois mire: a nós non nos fai falta a clandestinidade. Defendemos a plena luz do día a independencia. Por iso traballamos por un referendo recoñecido e por iso forzamos ao Estado para impulsar unha lei de amnistía".

O xefe do Executivo catalán deixou claro, por iso, que chegará "ata o final" para que se poidan "depurar responsabilidades" ante esas "mentiras que esconden unha intencionalidade política para espiar, para ter acceso á nosa intimidade e as nosas vidas e destruír un proxecto político lexítimo".

E como primeiro paso aplaudiu que a exdirectora do CNI Paz Esteban declare este venres como imputada, por videoconferencia, ante ao xuíz de Barcelona que investiga a espionaxe ao móbil de Aragonès co software Pegasus.

Bolaños asegura que o actual Goberno nin autorizou nin coñeceu as escoitas

O ministro da Presidencia, Félix Bolaños, asegurou, que o Goberno, naquel momento, non tiña coñecemento nin autorizara esas escoitas, "que viñan de antes".

Bolaños á súa chegada a un consello informal de ministros de Xustiza en Bruxelas engadiu que este Executivo "respecta" o Estado de Dereito, "a diferenza do que pasaba durante gobernos anteriores".

"O que ocorre é que, a diferenza do que pasaba durante gobernos anteriores, nós, este goberno, respecta o Estado de Dereito e non hai ningunha presión, ningunha inxerencia no funcionamento normal das institucións e dos organismos, como neste caso é o CNI e, por tanto, o que temos que facer é mostrar todo o respecto polo traballo que fai", engadiu.

Segundo Bolaños, esas operacións contaron sempre con autorización xudicial e engadiu que nin o CNI, nin o Tribunal Supremo teñen que informar o Executivo.

Na súa opinión, neste caso houbo un funcionamento "normal do Estado de Dereito, porque o que fixo o Centro Nacional de Intelixencia é solicitar autorización ao xuíz do Tribunal Supremo, a quen lle correspondía dar esa autorización e deuna".

O Goberno remitiu onte ao xulgado de instrución número 29 de Barcelona os tres autos do Supremo que avalaron a escoita co programa Pegasus, que constitúe a única documentación secreta relacionada coa espionaxe a Aragonès que o Consello de Ministros acordou facilitar.

O PP sinala a Sánchez

Pero dende o PP din que foi Pedro Sánchez quen autorizou esas escoitas, incluso cando negociaba con ERC a súa segunda investidura. Para Alberto Núñez Feijóo, o socialista "é o político menos fiable de España" porque "mentres estaba negociando cos independentistas a súa investidura á vez estaba autorizando a espiar a eses independentistas".

Tamén a líder de Sumar esixe chegar ata o final neste caso de espionaxe. Yolanda Díaz considera que "temos dereito a saber exactamente todo o que pasou".

Sobre o caso Pegasus tamén falou Pablo Iglesias nunha comisión de investigación no parlamento catalán e apunta a Margarita Robles. O exvicepresidente do Goberno cre que "a dimisión que correspondía era a da ministra de Defensa", Margarita Robles, e non a da directora do CNI.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade