O Goberno desiste de presentar os presupostos xerais nos prazos marcados
O Goberno desiste de presentar os presupostos xerais nos prazos marcados
ERC ameaza a estabilidade do Goberno se Facenda non cumpre co traspaso de todos os impostos a Cataluña
O líder do PP acusa a Pedro Sánchez de "utilizar" e "mentirlle" a Cataluña
Di a Constitución que o Goberno debería presentar os presupostos no Congreso tres meses antes de que remate o ano. Pero chegou o 30 de setembro, e as negociacións semellan encalladas.
ERC mételle presión á ministra de Facenda para que cumpra o pactado con eles, a transferencia de todos os impostos a Cataluña, non só do imposto da renda. Pere Aragonès recórdalle a María Jesús Montero que o PSOE asinou o acordo ante un mediador internacional.
"A ministra sabe que os acordos se teñen que cumprir; incumprilos afectaría o Goberno da Generalitat actual e o Goberno español", asegurou o expresidente da Generalitat nunha entrevista en RAC1.
O PP cualifica a situación de "ingobernable" e cuestiona un eventual concerto catalán. Para Alberto Núñez Feijóo, "romper a caixa común de financiamento das comunidades autónomas é unha irresponsabilidade histórica".
Nunha entrevista no xornal La Vanguardia, o líder dos populares rexeitou que a súa postura se cualifique de "catalanofobia" e acusou a Pedro Sánchez de "utilizar" e "mentirlle" a Cataluña.
O presidente socialista de Castela-A Mancha tamén critica o pacto dos seus con ERC e insta o Goberno a sacar adiante, con urxencia, a senda de déficit, xa que afecta directamente aos presupostos das comunidades. Segundo Emiliano García-Page, "só faltaría que a inestabilidade política que hai en España se traduza, finalmente, nun problema financeiro de todas as administracións".
Deste asunto falará o presidente manchego con Pedro Sánchez no encontro que manterán este venres na Moncloa.