O lume arrasa unha casa de Mazaricos e obriga a evacuar o veciño lindeiro
O lume arrasa unha casa de Mazaricos e obriga a evacuar o veciño lindeiro
O incendio comezou nun alpendre con leña no lugar de Eirón, parroquia de San Fins
Ao amencer ardía unha vivenda en Mazaricos, concretamente na parroquia de San Fins de Eirón.
As lapas comezaron a mañanciña, nun alboio que estaba cheo de leña. Despois estendeuse a vivenda que está pegada. Afortunadamente non hai feridos.
O único ocupante da vivenda, un ancián puido saír polo seu propio pé. O ancián despertaba contra as seis da mañá polo ruído que facían as tellas ao estoupar coa calor. Daquela o incendio só afectaba o alboio que estaba pegado a casa. Sacou as vacas da corte, que tamén está no eirado, e alertou do lume.
Cando chegaron os bombeiros, as lapas xa pasaban do tellado. Ardía a leña que gardaban para o inverno, o piso, que era de madeira, e os cangos.
"A situación que había era un lume bastante algo nun alboio. Estaban os bombeiros de Santa Comba ao mesmo tempo que chegamos nós. Comezaron coa extinción. Montamos unha liña de auga. E había moito material, leña, pisos de madeira, bastante combustible. Pero o lume apagouse sen problema e non houbo danos persoais que é o importante. A casa está totalmente afectada, mobles, camas, portas todo " afirma Cristian Simil Xefe de grupo do GES Muros.
Tiveron que traballar arreo para que o vento non levase o lume por toda a aldea de Eirón. Na casa había risco de que o lume saltara a unha vivenda que está separada por uns poucos metros e onde xa rebentaran os cristais das fiestras. A súa ocupante saíu da casa co posto.
Estaba soa xa vin o lume e saín para fóra e dixen, salvarme eu. Non temos danos na casa, só cousas pequenas, a antena e pouco máis.
Os bombeiros pasaron boa parte da mañá arrefriando os restos que quedaron do alboio porque aínda había moita calor. As causas que provocaron o lume aínda non se coñecen. Ata o lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil, os Bombeiros de Santa Comba e o GES de Muros.