Arde por completo a vivenda dun holandés asentado desde hai cinco anos no Corgo
Arde por completo a vivenda dun holandés asentado desde hai cinco anos no Corgo
El encontrábase fóra cando se declarou o lume, e foron os seus veciños os que alertaron o 112
O incendio dunha casa da Chousa, na parroquia corguesa de Escoureda, deixou sen vivenda a Thomas Kunst, un cidadán holandés que levaba cinco anos asentado neste lugar. El encontrábase fóra cando se declarou o lume, e foron os seus veciños os que alertaron o 112.
Jesús Del Pont, cabo dos bombeiros de Sarria: "Atendeuse porque había no parque tres efectivos, non como un día da semana pasada, que estivo cerrado. Ao chegarmos, a casa ardía totalmente, co tellado e o piso superior derrubándose. Atacamos desde fóra, protexendo unha casa veciña e un alpendre".
Foi tal a virulencia das lapas, que do edificio só quedaron en pé as paredes. A pesar dos esforzos dos bombeiros do parque comarcal de Sarria, a cuberta da casa colapsou por completo.
O retén, de feito, permaneceu durante oito horas apagando o lume e arrefriando os muros do inmoble. Pola súa parte, os veciños botaron auga con mangueiras para evitar que se propagasen as lapas.
Jesús Del Pont, cabo dos bombeiros de Sarria: "Estivemos os tres efectivos de garda ata as sete e media facendo tarefas de arrefriamento e desentullo para dar chegado a zonas nun principio inaccesibles. Hoxe, se se reaviva, o parque vai estar cerrado, cos efectivos entrantes en Monforte e en Barreiros, e a zona de Sarria queda descuberta".
Polo momento, descoñécense as causas do incendio, que provocou danos cuantiosos nunha casa antiga pero que tiña o lousado novo.