Desactivada a situación 2 no incendio de Castrelo de Miño ao diminuír o perigo para o núcleo de poboación
Desactivada a situación 2 no incendio de Castrelo de Miño ao diminuír o perigo para o núcleo de poboación
Desactivada a situación 2 no incendio de Castrelo de Miño ao diminuír o perigo para o núcleo de poboación
Leva queimadas 147 hectáreas
Evacuaron algúns veciños do concello próximo de Cartelle, que xa volveron á casa
Desactivada a situación 2 no incendio de Castrelo de Miño ao diminuír o perigo para o núcleo de poboación dos Pereiros.
Os efectivos dos equipos de extinción seguen traballando arreo para dar controlado o incendio que se declaraba a pasada tarde na localidade ourensá de Castrelo de Miño. Os últimos datos facilitados por Medio Rural, contra as 08:30 horas, indicaban que xa calcinara 147 hectáreas.
O alcalde contáballe á Radio Galega que algúns veciños do lugar dos Pereiros, no concello próximo de Cartelle, foron desaloxados por precaución. Avelino Pazos dicíanos que o duro traballo dos efectivos de loita contra o lume permitiu que puidesen regresar xa aos seus fogares. Pero o perigo continúa en varias aldeas.
Convencido de que foi intencionado
O incendio iniciouse na parroquia de Barral, en Castrelo, e avanzou rápido polo monte de varias aldeas ata chegar ao veciño Cartelle. O vento dificulta por momentos o labor das brigadas e dos axentes forestais alí despregados. Na zona chegaron a traballar mentres foi posible ata 18 medios aéreos.
O rexedor de Castrelo de Miño non ten dúbida ningunha de que este lume foi provocado: explicounos que comezou ao pé dunha estrada, a escasos 20 metros dunha casa.
A Xunta lembra que hai un número de teléfono de balde para chamar se se ve un incendio, o 085, e outro para denunciar calquera actividade incendiaria da que se teña coñecemento ou sospeita, o 900 815 085.