Arde un palacete do século XVIII na praza de Azcárraga da Coruña
Arde un palacete do século XVIII na praza de Azcárraga da Coruña
Os danos son cuantiosos, aínda que o edificio, que está en reformas, permanecía baleiro
Coñecido como a casa da Reixa Dourada, linda cunha xoia patrimonial da cidade vella, a igrexa de Santiago
Os bombeiros da Coruña tiveron que controlar esta noite o incendio dun palacete do século XVIII na praza de Azcarrága da cidade herculina. O inmoble levaba en reformas varios anos, fora mercado por un propietario particular e estaba baleiro, aínda que a Policía Local avisou os veciños dun edificio lindeiro por se cumpría desaloxalos.
Non houbo feridos, pero os danos son cuantiosos, xa que o edificio, coñecido como a casa da Reixa Dourada, linda cunha das xoias patrimoniais da cidade vella coruñesa, a igrexa de Santiago.
"Era algo que parecía que ía arder todo, horrible".
"Ves que as ventás, que son de madeira, están coma se nada, como se non houbera lume, a fachada non ten fume, a igrexa tampouco, foi unha cousa rarísima".
Cinco vehículos e trece bombeiros do parque municipal traballaron arreo contra as lapas, que afectaron os catro andares da edificación. Mentres a Policía Local alertaba os veciños dun edificio lindeiro para unha evacuación que finalmente non foi necesaria, pois os bombeiros evitaron que o lume alcanzase outros inmobles.
"Cando chegamos, as lapas saían polo tellado e podían verse afectados os edificios lindeiros. A primeira intervención consistiu en protexer estes inmobles e atacar dende arriba con autoescada e máis por fóra", relatou o sarxento dos Bombeiros da Coruña, Juan Carlos López, que dirixiu a extinción do lume.
As causas do incendio estanse a investigar, aínda que se apunta a que as lapas se espallaron a través do material illante da edificación. Esta mañá os bombeiros volveron revisar o inmoble para verificar que se extinguiran totalmente os rescaldos. O palacete, que estaba a ser rehabilitado para un propietario particular, xa sufrira outros incendios na súa historia. Unha vez máis, as lapas non puideron con el.