Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arde unha casa en Vilagarcía que levaba anos ocupada

Arde unha casa en Vilagarcía que levaba anos ocupada

A veciñanza cre que os ocupas volveron entrar, malia o precinto policial e o estado de ruindade

Levan anos de denuncias pola conflitividade e advertindo do estado ruinoso da vivenda

G24.gal 01/01/2025 14:28

Estaban en plena preparación da cea de Noitevella. Lasaña, para ser máis exactos, na casa que está parede con parede.

"Entraba fume e fume na casa. Saímos á horta e vimos fume que saía, e saímos á porta e máis fume", conta Salvatore, o veciño máis próximo.

Fume e lapas que alcanzaron unha altura considerable. O lume destruíu un cuarto e uns mobles amoreados na entrada. Por sorte, non había ninguén dentro.

"Viñeron despois pola noite, preguntaron que pasara e despois entraron para sacar cousas", engade Salvatore.

Era algo que se vía vir. A veciñanza leva anos de denuncias...

"É un foco continuo de 'trapicheo' e un foco constante de conflitos, de pelexas, discusións entre eles... situacións de todo tipo".

"Sempre teñen pelexas aquí, mesmo manchas de sangue e os veciños estamos fartos".

E tamén de advertencias, polo estado da vivenda.

"É unha vivenda que está en moi mal estado, que teñen moito lizo amoreado dentro e para a instalación eléctrica, usan unha toma collida de maneira irregular".

"Sinceramente, estamos contentos porque por fin se acabou o tema".

Se se acabou ou non está por ver.

"Eu creo que non porque acabamos de baixar e a porta volve estar. Onte non estaba e volveron poñela", advirte unha veciña.

A falta de confirmación oficial, o ruxerruxe di que o incendio puido ser provocado por un deles, por desavinzas co resto do grupo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade