Arden os tellados de dúas casas en Barbadás
Arden os tellados de dúas casas en Barbadás
O lume comezou nunha casa da Cal que está en reformas e espallouse a outra lindeira deshabitada
A orixe do lume, segundo emerxencias Barbadás, está nos rescaldos dunha cheminea
Foi un veciño que viu saír fume polo tellado dunha casa deshabitada quen deu a alerta, axiña chegaron A Cal o servizo municipal de emerxencias e a Policía Local de Barbadás, os bombeiros de San Cibrao, o GES do Pereiro de Aguiar e a Garda Civil que se afanaron por apagar o foco e refrescar os rescaldos.
Evitaron que as lapas se estenderan por este barrio de Barbadás, pero cando chegaron o lume xa afectaba tamén ao tellado da casa lindeira. Por fortuna, ninguén sufriu feridas, os principais danos materiais son na segunda casa afectada. Os propietarios lamentan sobre todo as perdas sentimentais nesta casa familiar que hai anos non estaba habitada.
Segundo as primeiras pescudas dos servizos de emerxencia, o lume comezou nos rescaldos que deixaron na cheminea nunha casa que están reformando. O fume e a ampla despregadura alporizaron esta localidade a primeira hora da mañá. Pasadas menos de dúas horas o incendio quedaba extinguido.