Un incendio nunha explotación de Maceda deixa tres reses mortas e importantes danos
Un incendio nunha explotación de Maceda deixa tres reses mortas e importantes danos
Juan Brey, dono da granxa situada no Rodicio, asegura que o lume foi intencionado
A palla leva ardendo máis de 24 horas e seguirá ardendo varios días máis, segundo aseguran os equipos de extinción, que continúan traballando na zona
Juan Brey, o dono da explotación que comezou a arder a primeira hora do domingo, está moi afectado polo acontecido. "Metes toda a vida, todos os aforros, para que nun momento se esfume todo", conta.
Non durmiu en toda a noite contemplando o que queda da súa explotación. "Toda a noite sen pegar ollo e mira como está todo", lamenta.
Máis de 400 pacas de herba queimadas, a nave a piques do derrubamento e tres reses mortas que non lograron sacar a tempo. "Foi en cuestión de 2 ou 3 minutos. Non nos deu tempo nin de sacar os animais, era inviable non podiamos movernos nin nada", conta Juan.
O dono da explotación está convencido de que o lume foi intencionado, non é a primeira vez que lle entran na nave, pero nunca con consecuencias tan graves.
"Téñenme cortado aramadas, mallas, roubar material e ferramentas, que e intencionado, asegúrocho, son sete anos da miña vida traballando coma un negro para que nun momento o vexas arder é unha impotencia é unha rabia a que tes dentro".
Os veciños do Rodicio pasaron momentos de tensión por medo a que as lapas se propagasen ás outras casas.
"A palla leva ardendo máis de 24 horas e seguirá ardendo varios días máis", explica José Angel Herrero, de Protección Civil Parada de Sil. "Van continuar ardendo varios días, está controlado no perímetro regando de vez en cando e é que se pode facer agora".
O Concello ofreceulle a colaboración para saír adiante, ao parecer o seguro co que conta non cobre este tipo de sinistros.