Ares segue a mandar en Galicia logo de facerse co Teresa Herrera
Ares segue a mandar en Galicia logo de facerse co Teresa Herrera
Na Liga ACT Urdaibai deixou a competición case sentenciada e Samertolameu está moi preto de certificar o descenso
Unha das grandes bandeiras no verán galego é o Teresa Herrera. E nesa cita marcada en vermello impúxose a líder da Liga LGT. Ares non deixou pasar a posibilidade de levala para a casa e acadou o triunfo.
Bueu fora a máis rápida na clasificatoria pero cando chegou a hora da verdade non puido estar á altura dos aresáns. Nin se meteron entre as tres mellores. O único bote que lle discutiu a vitoria foi Chapela pero perdeu folgos no último longo e acabou chegando a 7 segundos. Tirán rematou ben a proba, pero acabou de terceira, a 14 segundos.
Na ACT quedou claro o dominio de Urdaibai. Gañou a regata de Zarautz dun xeito rotundo. Nunha bandeira a dobre xornada meteulle máis de trinta segundos a Ziérbena, segunda clasificada.
Os galegos non tiveron un bo día. Cabo acabou no oitavo posto e o duodécimo de Samertolameu ponlle a permanencia case imposible. Só queda unha fin de semana para sabermos cal é o equipo que descende da máxima categoría.