Arquivada a causa contra 11 persoas por corrupción na Pokémon coruñesa
Arquivada a causa contra 11 persoas por corrupción na Pokémon coruñesa
A causa investigaba os supostos enchufes do grupo Vendex a cambio de influír nos concursos públicos en que participaban as súas empresas
O Xulgado de Instrución número 7 da Coruña decretou o sobresemento provisional da causa contra once persoas por supostos delitos de tráfico de influencias e subornos nunha rama coruñesa da denominada operación Pokémon.
A causa, que empezou en Lugo, investigaba os supostos enchufes de persoas en empresas do grupo Vendex a cambio de influír nos concursos públicos en que participaba este conglomerado.
Supostamente, concelleiros como o extenente de alcalde do PP Julio Flores ou o socialista José Nogueira e outros cargos públicos do concello da Coruña, pediron ao delegado de Vendex en Galicia, José María Tutor, a contratación de persoas próximas. Iso escoitouse nas chamadas telefónicas intervidas que transcenderon aos medios de comunicación durante a fase de instrución.
O que se intentaba esclarecer é se estas peticións influíron nos concursos de contratación pública, xa que as persoas investigadas tiñan "capacidade decisoria" nestas cuestións.
Tamén se investiga se podería haber dádivas nesta situación, pois na instrución da Pokémon saíron listas de cestas de Nadal con categorías en función do nivel da persoa que as recibía. Pero a instrutora da Coruña considera que os feitos, acontecidos en 2011 e 2012, "non están debidamente concretados".
Por tanto, e de acordo coa Fiscalía, decreta o sobresemento provisional da causa contra once persoas, do Concello e de Vendex, aínda que contra o auto cabe presentar recurso.