Arquivan o caso da espionaxe a Sánchez e a varios ministros ao negarse Israel a colaborar
Arquivan o caso da espionaxe a Sánchez e a varios ministros ao negarse Israel a colaborar
O xuíz da Audiencia Nacional que investiga o caso conclúe que Israel e a compañía propietaria do programa informático Pegusus non teñen intención de responder ás súas peticións de información
O xuíz da Audiencia Nacional José Luis Calama arquivou a causa pola suposta espionaxe co programa informático Pegasus dos móbiles do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e tres ministros ante a "absoluta" falta de cooperación xurídica de Israel.
Nun auto, o maxistrado explica que Israel non contestou á comisión rogatoria enviada pola Audiencia Nacional e frustrou a continuación da investigación seguida pola infección co devandito programa dos dispositivos móbiles de Pedro Sánchez e dos ministros de Defensa Margarita Robles, Interior Fernando Grande-Marlaska e Agricultura Luis Planas.
Nese auto de sobresemento provisional, o titular do Xulgado Central de Instrución número 4 repasa todas as dilixencias practicadas ao longo da causa, que se seguiu por un delito de descubrimento e revelación de segredos, que, di, puxo “en xaque a propia seguridade do Estado”.
Cinco infeccións no móbil de Sánchez
De acordo cos indicios solicitados ao longo da investigación, indica a resolución, a infección do móbil do presidente do Goberno produciuse en cinco ocasións, entre outubro de 2020 e decembro de 2021. O primeiro dos procesos que se detectaron como daniños produciuse entre o 19 e o 21 de maio de 2021 e a cantidade de información “exfiltrada” entre ambas as datas foi de, polo menos, 2,57 GB. A segunda detectouse o 31 de maio e a información “exfiltrada” foi de 130 MB.
En canto ao móbil da ministra de Defensa, segundo o auto, presenta indicios de ser infectado por Pegasus en catro ocasiones, entre maio e outubro de 2021, mentres que o do ministro do Interior foi en dúas ocasións, o 2 e o 7 de xuño do mesmo ano. Pola súa banda, o móbil do ministro de Agricultura, explica o texto, foi obxecto dunha infección o 25 de xuño de 2021, aínda que a cantidade de información “exfiltrada” (inferior a 1 kb) suxire un intento de infección non exitoso pola existencia dunha das aplicacións “vacina”.
A análise efectuada nestes catro dispositivos coas ferramentas e técnicas dispoñibles no Centro Criptolóxico Nacional e no Centro Nacional de Intelixencia, conforme manifesta este organismo, indica o xuíz, non permite determinar a autoría de ningunha destas infeccións.
Co fin de determinar a identidade das persoas que cometerían os feitos, explica o maxistrado, dirixiuse unha comisión rogatoria a Israel cunha solicitude de información á empresa propietaria de Pegasus, NSO GROUP, e a petición de declaración como testemuña do seu director executivo. Unha solicitude de cooperación xurídica internacional que foi necesario ampliar nunha ocasión e lembrada dúas veces para o seu cumprimento.
Absoluta falta de cooperación xurídica de Israel
“Lamentablemente, neste momento procesual, transcorrido máis dun ano desde a emisión da citada comisión rogatoria non se recibiu resposta ningunha, a pesar de ser obxecto de ampliación por unha vez e reiterado o cumprimento noutro par de ocasións. Este silencio evidencia claramente unha absoluta falta de cooperación xurídica por parte do Goberno de Israel, o cal permite presumir que a comisión rogatoria en cuestión, catro veces remitida, non vai ser cumprida nunca”, advirte o maxistrado.
“Chegados a este punto, este órgano xurisdicional pouco ou nada pode facer para o cumprimento da comisión rogatoria de referencia e, polo tanto, para que a presente investigación avance. Só resta unha eventual vía diplomática que sexa capaz de impulsar o cumprimento das obrigacións derivadas dos tratados internacionais, e cuxo exercicio corresponde ao Goberno, neste caso, ademais, vítima do delito obxecto de investigación”, sinala.
Comprometida a seguridade do Estado
O instrutor considera que os feitos investigados poden enmarcarse nos delitos de descubrimento e revelación de segredos que salvagardan espazo de intimidade persoal e familiar, que queda subtraído a intromisións estrañas, uns delitos que para o maxistrado “puxeron en xaque a propia seguridade do Estado”.
“Agora ben, a frustración da investigación derivada do non cumprimento das comisións rogatorias dirixidas ás autoridades de Israel impide investigar sobre a atribución da autoría a persoa concreta ningunha, abocándonos, de forma indefectible, a acordar o sobresemento provisional das actuacións por falta de autor ou autores coñecidos", conclúe.