Arranca o Mobile World Congress en Barcelona, a maior feira tecnolóxica do mundo
Arranca o Mobile World Congress en Barcelona, a maior feira tecnolóxica do mundo
O protagonismo desta 23 edición será para as tecnoloxías 6G, a intelixencia artificial e o metaverso
Pere Aragonés e Ada Colau plantan o rei na recepción pero asisten á cea inaugural
O Mobile, a feira dixital por excelencia, recupera a plena normalidade tras os anos da pandemia. Xa é normalidade que a recepción ao rei conte coas ausencias do presidente catalán e da alcaldesa de Barcelona, polo seu rexeitamento á monarquía. Un ano máis, a presenza do rei en Barcelona foi recibida na rúa con protestas convocadas pola ANC, que acabaron coa xa habitual queima das imaxes de Filipe VI.
Á cea inaugural do Congreso si asistiron Pere Aragonès e Ada Colau, sentados fronte ao rei e ao presidente do Goberno.
Igual ca o ano pasado, a guerra coouse nos discursos. Tras dar a benvida ao congreso....
"Espero que os seus días aquí sexan moi produtivos, e non dubido que o serán" afirmou Filipe VI.
...o rei Filipe manifestou o seu compromiso coa defensa de Ucraína.
Tamén o presidente do Goberno se referiu ao impacto económico da guerra no mundo, pero tamén falou da transformación dixital e da necesidade do diálogo e da convivencia.
"Creo que o progreso dunha Cataluña aberta, plural, dinámica, pola que vale a pena unir forzas e vontades, é algo ao que nos temos que dedicar todos", dixo Pedro Sánchez, presidente do Goberno.
O Congreso converte Barcelona e Cataluña en capitais do mundo, dixo o presidente catalán, que facía un chamamento a facer un mundo mellor e máis xusto.
Máis de 750 operadores telefónicos de todo o mundo son os encargados de organizar un evento que non prevé alcanzar este ano as cen mil visitas da prepandemia, de 2019, pero calcúlase que asistirán uns 85.000 visitantes dun cento de países, boa parte deles asiáticos. E, tamén este ano, estarán vetadas as empresas rusas.
Baixo o lema "Velocidade, desatando a tecnoloxía do mañá hoxe", as diferentes marcas van presentar as súas últimas novidades, que inclúen carga rápida e teléfonos de encartar.
A celebración da Mobile, que polo menos se manterá en Barcelona ata 2030, supón un volume de negocios de máis de 350 millóns de euros e a creación de 7.500 empregos temporais.