Arranca o xuízo polo crime de Samuel Luiz coa constitución do xurado popular
Arranca o xuízo polo crime de Samuel Luiz coa constitución do xurado popular
Os cinco acusados enfróntanse a penas de entre 22 e 27 anos de cadea
As defensas pedirán a libre absolución, mentres que as acusacións reclaman asasinato con agravante de discriminación por orientación sexual
Tres anos e tres meses despois arranca o xuízo polo crime de Samuel Luiz con cinco acusados que se enfrontan a penas de entre 22 e 27 anos de cadea. A fiscalía acúsaos dun delito de asasinato con aleivosía e asañamento, coa agravante de homofobia para dous deles. E a outro deles, amais, doutro delito de roubo con violencia.
Xunto coas penas de prisión, reclama o pago de 263.284,27 euros para os pais e a irmá da vítima -cantidade que procede da sentenza dos dous menores xa condenados- e outros 40.000 euros para o pai pola incapacidade, á marxe do que determine o Servizo Galego de Saúde como gastos daquela noite, ademais de 859 euros polo roubo do móbil.
Nesta xornada procedeuse á selección do xurado popular: seis mulleres e tres homes xulgarán o crime de Samuel: as defensas piden absolución e as acusacións asasinato
Con excepción do letrado da única muller imputada, que non fixo declaracións, os demais coincidiron en que os seus clientes afrontan o xuízo co obxectivo de poder explicarse e que salga "a verdade".
Á súa chegada á Audiencia Provincial, o avogado do mozo que presuntamente iniciou a agresión desbotou que a condición sexual da vítima fose a motivación: "Foi Samuel como puido acontecerlle a calquera", di Luis Miguel Salgado, avogado da defensa.
A defensa do mozo acusado tamén de roubarlle o móbil á vítima unicamente aludiu á súa petición. "A libre absolución", expresa José Ramén Sierra, avogado da defensa.
Será a partir deste mércores cando os cinco investigados, catro homes e unha muller, senten no banco dos acusados. Todos como supostos participantes na agresión que acabou coa vida de Samuel Luiz, excepto a muller que os investigadores ven como a instigadora do ocorrido.
Deste xeito arrancará o proceso cos informes e as cuestións previas. E o xoves será cando declaren os dous procesados que están en liberdade con medidas cautelares.
O xuízo prolongarase ata o 18 de novembro.