Arranca unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con máis dunha vintena de espectáculos
Arranca unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con máis dunha vintena de espectáculos
Arranca unha nova edición da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con máis dunha vintena de espectáculos
A MIT celebra os seus 40 anos, convertida nunha referencia para compañías e artistas, con espectáculos que chegan desde O Brasil, Chile ou Francia e de moitos puntos de España e de Galicia
Ribadavia acolle unha nova edición da MIT a súa mostra internacional de Teatro, desta vez con máis de vinte espectáculos no seu programa. E faino celebrando nada menos que corenta anos, catro décadas de teatro ata se converter en toda unha referencia para compañías e artistas.
Desta vez chegan a Ribadavia dende O Brasil, A Arxentina, Chile ou Francia, de moitos puntos de España e por suposto de Galicia, como Nova Galega de Danza, que inaugura as actuacións no Auditorio do Castelo. Hai ademais coloquios cos actores e actividades paralelas pensadas para a participación do público.
Circo, teatro e música conforman Paüra un deses 21 espectáculos que trae consigo a MIT este ano. A mostra segue edición tras edición e xa van corenta, mantendo a súa esencia.
"Unha experiencia para abrirnos a mente a aquelas cuestións que poden poñer en cuestión as etiquetas escénicas e tamén que sexa un festival non equidistante, festivo pero sempre reivindicativo, un festival que xere pensamento e conciencia crítica tamén", apunta Roberto Pascual, Director artístico da MIT.
Hai 150 anos construíuse o dique da campá do arsenal militar de Ferrol. A compañía galega de danza abre a MIT coa historia das mulleres que o fixeron posible. Jaime Pablo
Díaz, director da compañía Nova Galega de Danza.
"Foi construído por 1200 traballadores dos que duascentas foron mulleres. Collemos esa pequena historia para contar e poñer en valor todas esas mulleres que estiveron traballando, sacando tantas pedras e tantos cestos enriba das súas cabezas".
E do Ferrol a mostra viaxa ao Brasil contermporáneo con Zona Franca.
"É un grupo que mestura danza contemporánea con danzas urbanas que empezaron en favelas do Río, como pasinho, danzinha... outros estilos que son danzas urbanas, pero completamente creados e nadas no Río de Xaneiro", explica a directora do espectáculo Alice Ripoll.
Deadpan karaoke chega a Ribadavia para falar de amor. Aquí poderemos ver tamén Glubs, o primeiro espectáculo de rúa da compañía Yllana. E a versión máis cómica de Othello ou a premiada Eclipse total. Toda unha invitación ao coñecemento e a diversidade que tomará as prazas e rúas de Ribadavia os vindeiros nove días.