O Día de Galicia Mártir lembra a execución de Alexandre Bóveda 88 anos despois
O Día de Galicia Mártir lembra a execución de Alexandre Bóveda 88 anos despois
A homenaxe ao galeguista histórico celebrouse na Caeira, no concello de Poio, coa presenza de Ana Pontón e do conselleiro de Cultura
O Día de Galicia Mártir volveu a Poio como cada 17 de agosto, xornada en que se conmemora o 88 aniversario do fusilamento de Alexandre Bóveda.
Arredor do monumento dedicado ao galeguista congregáronse ducias de persoas, que lembraron que Bóveda foi un dos "bos e xenerosos". Esta data foi instituída por Castelao e a Irmandade galega de Bos Aires como o Día dos Mártires Galegos.
Desde o Concello de Poio salientouse que Bóveda é "patrimonio de todos", máis aló da confrontación política. O acto contou con presenza de numerosos representantes políticos e institucionais, entre ele a líder do BNG , Ana Pontón, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, en representación da Xunta.
"Unha figura que é unha figura irrepetible, unha figura moi importante do noso país e que foi asasinada hai 88 anos polo fascismo. Ese día o fascismo non só matou un home mozo, non só matou un pai de familia; tamén matou un dos principais construtores do nacionalismo galego e unha das persoas que máis traballou para defender os intereses de Galicia", dixo a líder do BNG, Ana Pontón.
"Se cabe aínda máis, despois de 88 anos do seu triste pasamento, desa desgraza inxustificable que foi a súa execución, 88 anos despois a figura de Alexandre Bóveda segue sendo un referente para todos, independentemente da forma que teñamos de pensar e de querer Galicia", explicou o conselleiro de Cultura, José López Campos.