Publicador de contidos
Publicador de contidos

Arrancan as obras do apartadoiro ferroviario da Plisan cun investimento de 33,4 millóns

Arrancan as obras do apartadoiro ferroviario da Plisan cun investimento de 33,4 millóns

Permitirá a transferencia de mercadorías nun medio de transporte máis sostible para o seu traslado 

A obra está impulsada pola Xunta de Galicia, o Porto de Vigo e o Consorcio da Zona Franca

G24.gal 25/10/2023 16:55

Os traballos de construción dun novo apartadoiro ferroviario na Plisan, obra auspiciada pola Xunta de Galicia, o Porto de Vigo e o Consorcio da Zona Franca, comezaron este mércores.

“Aquí hai moitísimo futuro, aquí podemos aproveitar un magnífico emprazamento e irémonos dando conta conforme vaiamos vendo os efectos, que xa se empezaron a ver”, dixo o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante un acto que contou cun nutrido grupo de personalidades.

Ademais de Rueda, no acto estivo o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; os alcaldes de Salvaterra e As Neves, Marta Valcárcel e José Manuel Alfonso, respectivamente; a delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz; ou a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro.

Segundo destacou Botana, coa execución deste apartadoiro ferroviario, dótase a PLISAN dunha capacidade multimodal “absolutamente necesaria” para a optimización loxística dos procesos, xa que permitirá a transferencia de mercadorías nun medio de transporte máis sostible para o seu traslado non só ao eixe que une co centro da Península e Europa, senón tamén para a súa conexión directa co Porto de Vigo.

Botana lembrou que a Plisan esténdese sobre unha superficie de catro millóns de metros cadrados e destaca pola súa alta conectividade, polo que se trata dun espazo que ofrece grandes vantaxes aos empresarios, con todas as garantías xurídicas e a estabilidade que necesitan.

“O que ofrece a Plisan non o ofrece ningún outro polígono industrial de Galicia: unha gran versatilidade para favorecer o asentamento de calquera tipo de empresa, independentemente do seu tamaño, conectividade por estrada e, proximamente, por ferrocarril”, dixo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade