Publicador de contidos
Publicador de contidos

Nervios e repasos de última hora no primeiro día da ABAU

Nervios e repasos de última hora no primeiro día da ABAU

As probas desenvólvense sen incidencias, segundo o conselleiro de Educación, que desexa "sorte" e "xustiza" aos aspirantes

A selectividade arrincou por primeira vez co exame de Lingua Galega e Literatura, con preguntas sobre os neofalantes e os prexuízos idiomáticos

Os resultados coñeceranse o xoves día 13

Uns 450 estudantes realizan a ABAU con adaptacións en Pontevedra

Alumnado de bacharelato realizando as probas da EBAU na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela (EFE / Lavandeira Jr.) Alumnado de bacharelato realizando as probas da EBAU na Facultade de Comunicación de Santiago de Compostela (EFE / Lavandeira Jr.)
G24.gal 04/06/2024 11:46 Última actualización 04/06/2024 13:51

Nervios e repasos de última hora no inicio este martes das probas de acceso á universidade en Galicia, á que este ano están chamados 13.448 estudantes, 200 máis que o pasado.

Tras a presentación inicial ás 09:00 horas, a avaliación para o acceso á universidade (ABAU) en Galicia arrincou este ano, por primeira vez, co exame de Lingua Galega e Literatura, que incluíu un texto para analizar e comentar sobre o Samaín, así como preguntas sobre os prexuízos que rodean o idioma, os neofalantes e os bloques dialectais.

Despois dun breve descanso, seguiu o exame de Primeira Lingua Estranxeira, ás 11:30. Á tarde realizarán dúas probas máis.

Esta mañá, ás portas da Facultade de Comunicación explicábannos que agardaban con inquedanza estas probas despois de tantas semanas de estudo. Recoñecen que veñen relativamente tranquilos "porque agora xa non se poden facer milagres". 

En total, durante estes tres días, o alumnado terá que examinarse de cinco probas obrigatorias: Lingua Castelá, Lingua Galega, unha primeira lingua estranxeira, unha materia troncal da modalidade do seu bacharelato e, tras a reforma educativa que entrou en vigor este ano, ou ben Historia de España ou ben Historia da Filosofía). 

Ademais, os aspirantes poderán facer como máximo catro materias da fase específica, que sumarán como moito catro puntos, ata un total de 14. As notas sairán o xoves da próxima semana.

A normalidade marca o primeiro día das probas 

As probas de acceso á universidade realízanse nas sete cidades galegas (Vigo, A Coruña, Santiago, Ferrol, Lugo e Ourense) e tamén nas localidades de Cee (A Coruña), A Rúa (Ourense) e Viveiro (Lugo).

A maior parte dos estudantes examínase en Vigo, un total de 2.825. Santiago reúne 2.758 alumnos e alumnas; na Coruña realizan as probas 2.751; en Pontevedra, 1.280; en Ourense, 1.098; e en Lugo, 995.

Máis aló dos nervios iniciais, as probas transcorren "con moita normalidade" e sen que haxa constancia de "ningunha incidencia" destacable en toda Galicia, como sinala o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que desexa "toda a sorte posible" e "xustiza" aos aspirantes.

Este será previsiblemente o último ano no que a Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU) manterá o modelo de exame único con varias opcións inaugurado en 2020 debido á pandemia.

Aínda está por ver se este modelo, que permite maior flexibilidade, manterase o ano que vén xa que, en principio, coa reforma educativa da LOMLOE está previsto que sexa substituído por un modelo baseado no enfoque competencial, como explicaba no Bos Días Maite Flores, da CIUG.

Detectores de frecuencias para evitar que o alumnado copie na selectividade

Durante os primeiros minutos do exame de Lingua Galega e Literatura, Maite Flores pasou por todas as aulas da Facultade de Ciencias da Comunicación cun detector de frecuencias para confirmar os móbiles e demais dispositivos electrónicos atópanse debidamente apagados.

E é que o achado dun aparello aceso é "causa de suspensión" non só do exame que estean a facer nese momento, senón de toda a ABAU.

O ano pasado, en toda Galicia estes detectores permitiron interceptar a cinco persoas tentando copiar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade