Arrinca a colleita da pataca na Limia
Arrinca a colleita da pataca na Limia
Os produtores calculan perdas do 30 % por mor da seca e a calor excesiva deste verán
A variedade agria é a máis afectada
Xa hai pataca nova da Limia no mercado, pero pouca. Da indicación xeográfica protexida levan recollido medio millón de quilos e calculan chegar aos 15. Nestas, sobre todo da variedade kennebec, a mingua rolda o 20 %, que se compensa co incremento da superficie cultivada.
Guillermo Budiño Cajaraville, Presidente da IXP Pataca de Galicia, asegura que "a kennebec é a menos danada, porque é máis temperá e xa estaba criada cando veu a onda de calor. Ademais, este ano sementouse antes".
Peor prognóstico ten a pataca destinada á industria, a que representa a principal fonte de ingresos para os produtores da Limia. A variedade máis estendida, a agria, vén cunha mingua dun 30 %.
Amador Díaz, Presidente dos Pataqueiros da Limia, di que "nas miñas conto cun 25 % menos, e os compañeiros en torno ao 30 %. Normalmente collemos 120 millóns de quilos. Este ano serán 80 ou 90".
O prezo é bo, a agria roza os 38 céntimos o quilo a granel, pero non abonda, aseguran, para compensar entre a perda de produción e o incremento do gasto. "Non se dá compensado porque o custo de produción aumentou un 40 %. Se aínda por riba lle sacamos un 30 % de produción, vai ser un ano tirando a malo", asegura Amador.
En dez días estarase recollendo en toda a Limia
Ata agora son poucos os que andan apañando. Agardan que refresque máis o tempo, porque non é bo almacenalas aínda quentes porque podrecen máis. "Como o 80 % do contido é auga, créase unha atmosfera de alta humidade e os fungos crecen", explica Budiño.
Calculan que será a partir do día 20 cando se xeneralice a colleita na Limia.