Arrinca con normalidade xeral a ABAU extraordinaria en Galicia
Arrinca con normalidade xeral a ABAU extraordinaria en Galicia
O exame de Lingua Galega propón preguntas sobre o uso do idioma no fútbol, un texto sobre o turismo rural e fragmentos de obras de Castelao e Uxío Novoneyra
Día importante para preto de 3.000 estudantes en Galicia. Aqueles que non superaron a ABAU no mes de xuño, non se presentaron ou precisan subir nota para acceder á carreira elixida. Algo máis de 2.800 estudantes inscribíronse na convocatoria extraordinaria da ABAU en Galicia. Esta mañá comezaron os primeiros exames, con lingua galega e literatura. Teñen por diante tres xornadas instensas de probas que rematan pasadomañá. Os máis recoñecen que os nervios son case inevitables, pensando se lles será posible acceder á carreira que teñen en mente. Para sabelo terán que agardar unha semana, as cualificacións sairán o vindeiro xoves.
Se preguntamos como empezou o día para moitos a resposta é case unánime.
"No primeiro exame estaba moi nerviosa, case me da un ataque".
Literatura e lingua galega, matemáticas ou lingua estranxeira por exemplo foron algunhas das primeiras probas. Pero non só.
"Acabo de facer o exame de grego e ben, non hai fallo".
Motivacións hai moitas entre os alumnos, e tamén dúbidas.
"Non sei o que quero facer e a ABAU ábreme un abano de posibilidades máis grande".
Algúns dos estudantes non puideron presentarse a convocatoria de xuño ou non superaron a proba. Outros buscan acadar a nota que lles permita acceder a carreira que teñen en mente. Hoxe algúns exames saíron mellor e outros non tanto, pero confianza iso si, non lles falta.
"Aínda que non fosen tan boas notas durante o curso, coido que agora na ABAU podo sacalo ben".
"Como se complicou un pouco segundo de bacharelato, pois imos facer a ABAU e que sexa o que Deus queira".
"Ante todo, mentalidade positiva, e imos confiar en que isto remonte un pouco".
Uxío Novoneyra, Castelao e o despoboamento do rural abriron os exames desta primeira xornada. Mañá a partir das nove e media farano co de lingua castelá.